23/12/18

COÑECENDO A CASTELAO

E para pechar o primeiro trimestre de curso nada mellor que unha intensa sesión didáctica fóra das aulas do centro, non si?

As visitas á exposición "Castelao maxistral" na Cidade da Cultura e "Alba de Gloria" no Panteón de Galegos Ilustres axudáronnos a fixar os coñecementos aprendidos en 4º ESO ao redor do pensamento e da obra de Castelao.

E a visita ao Museo de Historia Natural descubriunos a importancia de protexermos a biodiversidade ambiental.

Velaquí unha pequena síntese da saída extraescolar en imaxes que seguramente vós completaredes coas vosas palabras de lembranza na sección de comentarios.


09/12/18

NO RONSEL DE CASTELAO


Estamos a piques de pechar o primeiro trimestre escolar onde descubrimos en 4º ESO un dos autores referenciais da lingua, da literatura e da cultura galega: Castelao.


Para alén das sesións teóricas de aula, o vindeiro xoves 20 de decembro participaremos nunha saída didáctica extraescolar que nos levará a coñecer moito máis e mellor o pensamento e a obra do noso autor.






 En primeiro lugar, visitaremos na Cidade da Cultura a exposición "Castelao Maxistral", para posteriormente dirixirnos ao Panteón da Galegos Ilustres para ver a exposición "Alba de Gloria. Unha experiencia", organizada polo Consello da Cultura Galega.


Para irmos contextualizando esta actividade, deixamos por aquí dúas cuestións introdutorias. Agardamos as vosas rápidas respostas:

1. Que é a Alba de Gloria?
2. Que significa o cadro de Castelao coñecido como "A derradeira leición do mestre"

04/12/18

LINGUA DE LONGAS RAICEIRAS

As orixes da nosa lingua culta, literaria e impresa xa estudamos que polo de agora podemos datalas con probas escritas desde finais do século XII.

Mais non deixan de se producir novos achados que nos axudan a coñecer a súa calidade e diversidade.

Nesta ocasión a descuberta chega dun fragmento prosístico do Libro das Leis, máis coñecido como As Sete Partidas, escrito durante o reinado de Afonso X (1252-1284).

Mais, quen nos podería avanzar algunha pista sobre este libro, os seus contidos e a relevancia histórica?


A PALABRA DO ANO



Entramos no mes que despide o ano e desde a RAG propóñennos esta oportunidade de votar a palabra que sintetice o resumo do ano 2018.

Afouteza (2017), irmandade (2016) refuxiados (2015) e corrupción (2014) foron as palabras que o público escolleu nos anos anteriores.

Velaquí vos queda este convite aberto a participar desde o Portal das Palabras da RAG. 

Cal será, será... a palabra favorita de 2018?

28/10/18

22 SEGUNDOS DESPOIS...


O mellor peche para unha lectura sempre é o encontro coa persoa que a fixo posíbel desde a súa creación.



E nesta ocasión puidemos completar o círculo literario grazas á amabilísima visita que nos fixo Eva Mejuto, a autora deses intensos 22 segundos que ocuparon o noso tempo lector ao longo deste primeiro trimestre.

Unha novela diferente, mesmo inesperada, que non deixamos de recomendar. E por que será? Seguro que axiña compartimos por aquí as nosas impresións... Atención!!!!






27/10/18

DESCUBRINDO A POESÍA

A actividade programada desde o noso concello, dentro do programa "Ler conta moito", permitiu que nos achegásemos á poesía galega máis contemporánea e renovadora a través dunha das súas representantes máis recoñecidas e internacionais: Yolanda Castaño.



Contan as malas linguas que a poesía non é cousa da rapazada adolescente, mais que dirán as boas linguas???



23/09/18

ADEÚS VERÁN, OLA OUTONO

Neste tempo en tránsito estacional que andamos, despedimos o verán...


 ... para recibirmos o outono como merece, cos versos do poeta Manuel María:


E cal é a nosa proposta didáctica para estrearmos este outono?

Nin máis nin menos que saber que nos conta esta estación no repertorio oral tradicional galego. Que din do outono os refráns e as frases feitas?

Comeza o tempo de investigación e recollida este luns 24 de setembro e remata o vindeiro venres 28.

A ver quen vai chegando á sección "Comentarios" deste blog coas súas descubertas...

20/09/18

ELAS: MATRIARCAS EN PALABRAS

Comezamos polo principio, exercitando a escoita atenta. Nada mellor que afinar os ouvidos e desempañar as meniñas dos ollos para completar a letra da canción "Matriarcas", interpretada pola cedeirense Guadi Galego, que preside a sección musical semanal deste noso punto de encontro dixital. Dentro música!



Comezan as 
con homes                    ,
rematan sempre
con mulleres
da morte do          ,
de insectos                    ,
de                       vellas
que non                   lembrar.
E nós pouquiño
ímonos situando,
construíndo
no país                     .
        en corpo e alma.
        mercando calma.
        cousa por cousa,
sen podernos                   .
Nós                , nós                         ,
brillantes                            cotiá.
E nós que                                de forza.
E nós as                                dun tal

01/07/18

DESPEDIDA DE XABIER P. DOCAMPO

Despedimos o curso cunha triste nova: a perda do escritor Xabier P. Docampo que ben presente estivo no noso centro grazas á súa visita, ao encontro connosco na exposición conxunta co ilustrador Xosé Cobas e mais nas lecturas deste curso: O misterio das badaladas e O país adormecido.



A nosa homenaxe activarase en cada lectura nova e en cada lembranza vivida nos momentos compartidos.



14/01/18

PERGAMIÑO VINDEL

Este martes 16 de xaneiro mudaremos o espazo didáctico habitual nas aulas de 3º e 4º do instituto por outros espazos ben diferentes.



O primeiro será a Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón e o segundo será no Museo do Mar de Vigo, onde está ubicada a exposición "O Pergamiño Vindel: un tesouro en sete cantigas".



Unha xornada ben diferente para nos achegar ao tempo fundacional da literatura galega na Idade Media, neste caso da man do trobador Martín Códax, e continuar co esplendoroso Rexurdimento decimonónico protagonizado por Rosalía de Castro.

Agardamos por aquí os vosos comentarios e impresións á volta desta viaxe didáctica.

08/01/18

O VALOR DA AFOUTEZA



Se cadra non estamos moi afeitas a pensar que as palabras tamén andan á moda, mais, rematado o 2017, soubemos que este ano pasado houbo unha palabra que brillou por riba das demais.

Imaxinades cal sería a Palabra do Ano para as persoas que participaron na elección promovida polo Portal das Palabras da Real Academia Galega?

Antes de entrar no enlace, poñede en común na aula cales serían as vosas palabras representativas do 2017 e logo cotexade coa selección finalista anterior.

DESPEDIDA