28/02/17

ADEUS, ENTROIDO

Vai chegando a fin do entroido e a volta ás aulas e para celebralo nada mellor que un rap recén saído do forno de Ezetaerre.

Xa contaredes que vos parece!!! Sabemos que temos alumnado rapeiro especialista entre nós!!!


DÍA DE ROSALÍA

Imposíbel deixar pasar por alto o 24F, Día de Rosalía, malia cadrar ao celebración do entroido.

Adiantámonos un pouco no calendario e repartimos versos da nosa poeta a eito, por todos os recunchos do noso centro.

Grazas a todas as compañeiras e compañeiros dos diferentes cursos que nos axudaron na escrita de tantos versos e a Bianca, Adriana, María, Cristina, Ylenia, Leticia e Samantha que participaron no reparto para que ninguén quedase sen o seu agasallo especial do día.


14/02/17

DE CONVERSA CON PAULINA CEREMUZYNSKA

Continuamos a xeira de entrevistas a galegas de adopción e agora tócalle a quenda á nosa visita máis recente e descuberta musical: Paulina Ceremuzynska.

Desde 3º A, Uxía Cancela e Carla prepararon esta entrevista coa musicóloga e investigadora medievalista do noso corpus cancioneiril que agora toca partillar con todas vós, visitantes ilustres deste blog didáctico.

Deixámosvos coas palabras de Paulina!


1. Onde vives actualmente?

En Santiago. É case a única cidade galega que non está destrozada en canto a paisaxe.

2. Cando foi a primeira vez que viñeches a Galiza?

Vin por primeira vez no 2000, aos Cursos de Galego para Estranxeiros, organizados pola USC.

3. Cal foi a túa primeira impresión de nós?

A xente pareceume moi amigable. Xente que non me coñecía de nada axudábame desinteresadamente. A hospitalidade paréceme una das cousas máis características e valiosas da sociedade galega.

4. Que botas en falta de Varsovia?

Sobre todo a vida cultural, teatros, concertos. O decididas e concretas que son as persoas. Nada desta inmobilidade de “ir tirando”, de “a ver que pasa” de “éche o que hai”. As casas ben construídas e quentes no inverno. O aprecio cara á cultura propia.

5. Cal é a túa lingua inicial?

A miña lingua materna é o polaco. Teño sorte de criarme e falar unha lingua que non está en perigo, que non é “cooficial”, que nunca tiven que poñer en dúbida.

6. Que outros idiomas falas?

A parte do polaco e galego, falo inglés, castelán, francés e ruso (explicando por se acaso, o ruso é en Polonia unha lingua estranxeira, aprendina nas clases como inglés). Tamén sei latín (pero non o falo), e polo galego entendo bastante ben o italiano, sobre todo escrito. E entendo perfectamente o portugués, tamén polo galego, claro.

7. Cando e onde aprendiches o galego?

Empecei apréndelo na Universidade de Varsovia, no lectorado de galego (en Polonia hai tres lectorados de galego, os outros están na Universidade de Cracovia e de Lublin). Cantaba as cantigas e por iso intereseime pola lingua, para poder cantar mellor este repertorio.

8. Resultouche moi dificultoso? 

Non, o galego obxectivamente non é unha lingua difícil. A gramática é doada, e na pronuncia o único difícil que ten son as vogais abertas e pechadas (custoume dous anos empezar a diferencialas!). Por exemplo o inglés é moito máis difícil e ten moitas máis vogais. O difícil do galego é entender a intención do que fala, o que quere dicir co que di. ;)

9. Desde cando interpretas profesionalmente o noso cancioneiro medieval galego?

Dende o ano 1998.

10. Que te levou a escoller este corpus musical?

A súa beleza. Foi un namoramento dende a primeira escoita. É o que ten a verdadeira arte. Namóraste.

11. Algunha vez te sentiches discriminada ao te expresares en galego?

Houbo intentos. Digo intentos, porque a xente sabe que son estranxeira, que son “estudiosa das cantigas”, que non son emigrante económica, e polo tanto élle moito máis difícil facelo. Tamén ao non ser o galego a miña lingua materna, non me sinto tan vulnerable como se me discriminaran por falar en polaco. Pero si houbo algunas situacións que me molestaron moito, foi cando veu miña nai a visitarme. Facendo compra empezamos a falar cunha persoa que nos atendía e miña nai, querendo ser amable con ela, intentou dicirlle unha cousa sinxela en galego (ou sexa, falarlle na súa lingua!). Esta persoa nisto dime de repente: “pero muller, apréndelle castelán, que lle vas aprender galego!”. Ou sexa, tratou á miña nai como unha persoa que non se sabe valer nin decidir por si mesma, que supostamente non ten educación. Nunca máis volvimos a este comercio, miña nai e eu enfadámonos moito. Despreciar a lingua propia parécenos cousa de ignorancia e de falta de cultura. É un prexuízo daniño que seguen os ignorantes, como cando a xente pensaba que ser zurdo ou ter pel negra era cousa do demo.

12. Que significa para ti o galego?

Sodes vós, se non existe, deixaredes de existir como pobo.

13. Como ves a nosa lingua na actualidade?

Se non se fala, desaparece.




DE PASEO POLAS NOSAS CANTIGAS MEDIEVAIS CON...


... Paulina Ceremuzynska, musicóloga polaca que nos achegou o maxisterio e brillantez do noso corpus lírico medieval galego-portugués nun paseo polo tempo en pasado que nos explica no presente.

Que será o que máis vos sorprendeu, aquilo do que máis gustastes neste encontro, o que descubristes ou o que nunca esqueceremos?

Agardamos polos vosos comentarios!!!!

ILUSTRAR A ESCRITA: DE XOSÉ COBAS A XABIER P. DOCAMPO

 
 
O pasado venres 10 de febreiro o alumnado de 2º e 3º de ESO achegouse ao Kiosco Alfonso da Coruña para coñecer a exposición compiladora dos últimos 30 anos do traballo de ilustración desenvolvido por Xosé Cobas.

Acompañounos no percorrido o escritor Xabier P. Docampo, autor de moitos libros ilustrados pola creatividade de Xosé Cobas.
 
 
 
Unha oportunidade única para admirar en conxunto a simbólica obra gráfica de Xosé Cobas e descubrir como é o traballo de creación conxunta, de texto e imaxe, dos dous creadores. 

O noso agradecemento aos dous por nos atenderen tan xenerosamente!

06/02/17

21 DÍAS CO GALEGO


O IES da Pobra do Caramiñal volve pór en andamento o proxecto educativo coñecido como "21 Días co Galego", dirixido ao seu alumnado.

Nesta ocasión, este proxecto de marcado carácter sociolingüístico, quere ser tamén unha homenaxe colectiva e lectora ao escritor Agustín Fernández Paz.

Non imos deixar pasar por alto esta magnífica oportunidade de nos achegar á súa inmensa obra grazas aos fíos que nos propoñen os seus lectores e lectoras.

E a ti...de que obra(s) de Agustín Fernández Paz gustaches especialmente? Que títulos quedarán para sempre gravados na túa memoria?

DESPEDIDA