31/10/11

OS DOUS DE SEMPRE, CASTELAO


II
UN RAPAZ QUE SERÍA QUEN DE MANXAR A SEU PAI POLAS PERNAS
A tía Ádega, chea de alifaces, non reparaba en sacalo da boca para mandarllo ós meniños de Farruco: un sobriño casado fóra da vila.
A probe vella mantíñase de peixes pequenos, dos peixes que mercan as señoras gordas para botarllos ó gato, e todo por aforrar para os fillos de Farruco.
En días sinalados a tía Ádega mandáballe[s] ós sobriños un caixón cheo de cousas de comer, e quedábase cavilando no contentamento dos rapaces. A caixa sempre contiña lambetadas de mérito: chourizos, anacos de pernil, roscas de ovo, cachos de tarta, melindres, zucre...
Farruco ben merescía as axudas da tía Ádega porque vivía feito un azacán; ¡el, que fora o mozo máis enfonchado da vila, por quen toleaban as mozas de máis porqué!
Casárase Farruco1 e axiña comezaran a choverlle nenos do ceo. O mozo, denantes algareiro e parrandista, trocárase nun limón estruchado polo traballo e as cavilacións. Os nenos eran fazuleiros e bonitos, como anxelotiños de retablo barroco; pero compría moito pan para tantos peteiros abertos.
A rolada dos nenos de Farruco enchía de rechouchíos o abrente do día, e o probe pai tiña que erguerse co corpo magoado polo traballo da véspera. Os rapaces non paraban de piar. Eles comían, comían, e as súas cariñas ledas e bonitas sempre amostraban o degoiro de comer. O probe Farruco chegou a decatarse de que as andorgas dos nenos endexamais se fartarían, e adicouse a traballar sen acougo, resiñado coa súa cativa sorte.
Cando chegaba o caixón da tía Ádega, os rapaces bailaban ó seu redor e non saían da casa antramentras o caixón non se baldeirase nos seus bandulliños. Cando non había ningún rapaz de Farruco na rúa, era sinal de que chegara o caixón da tía Ádega.

Eu quero contarvos un sucedido que amostra os degoiros de comida que sempre sentían os rapaces de Farruco. Estaba o probe pai ensumido en cavilacións, pois acababa de recebir un novo meniño, moi repoludo e bonito, certamente, pero que non traía consigo a comida do mañán, e achegouse a el Pedro, o fillo máis vello, que o despertou das súas cavilacións.
—¿De onde veu o meniño, papai?
E Farruco respondeulle, por decir algo:
—Mandouno a tía Ádega no caixón das lambetadas.

E Pedro, dispois dun anaco de meditación, volveu a perguntar, cos seus ollos de acibeche, brilantes de ledicia:
—¿E cando o comemos?
Os dous de sempre, Castelao

Ningún comentario:

Publicar un comentario

DESPEDIDA