05/07/19

DESPEDIDA

En setembro de 2011 abriamos esta casa de comunicación e encontro pedagóxico extraescolar, complementaria das aulas de lingua e literatura galega.

O seu arquivo medrou grazas aos contidos partillados entre eu propia, como profesora, e vós, como alumnado.

A viaxe dixital compañeira dos últimos 8 cursos debe rematar aquí, porque unha estación diferente nos agarda a vós e a min a partir do vindeiro mes de setembro.

Toda a miña gratitude convosco sempre será pouca. O camiño persoal e profesional fixémolo xuntas, no paso de cada día, nas aulas, nos corredores do instituto, nas saídas extraescolares, no estudo de radio, entre liñas, nas conversas...

Con certeza, a vida nos seguirá reencontrando. 

Mentres tanto, procurade sempre a honestidade e a lealdade con vós propias para garantir que sempre seredes quen de as procurar e valorar nas demais.

Mercedes Queixas Zas

BO VERÁN!

 

18/02/19

CONVERSA CON RAMÓN NICOLÁS

Ante a imposibilidade de mantermos un encontro presencial co escritor Ramón Nicolás, autor da novela A noite dos lapis, que foi lectura trimestral en 4º ESO, mantivemos este correo epistolar que agora compartimos desde esta casa virtual.

Estamos convencidas de que vos dará pistas suxestivas para a vosa próxima lectura. Non a deixedes escapar!

Moitas grazas, Ramón Nicolás, polo teu atendemento e o teu tempo. 



1. Visitaches algunha vez Arxentina, o espazo que ambienta a novela? 
Unha ocasión. No mes de maio, creo  lembrar, do ano 2012. Fun convidado por mor do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro.
Tan só estiven na cidade de Buenos Aires tres días, pero moi intensos e cheos de experiencias profesionais e persoais que lembro gratamente.

2. Por que escolleches ese momento histórico da ditadura arxentina como tempo da novela?
 
Foi unha decisión que veu obrigada en función de querer darlle voz ao que se chamou "a noite dos lapis", isto é, á desaparición dun grupo de mozas e mozos a mans, xustamente, da oligarquía militar arxentina.
Era algo necesario contextualizar ese capítulo da historia arxentina para que se entendese que as cousas ocorren por algunha razón. Dalgún xeito quixen tamén establecer un paralelismo entre a ditadura franquista -en parte un personaxe sofre as dúas ditaduras- e a arxentina na medida que nesta última si se deu, grazas á mobilización social das nais da Plaza de Mayo entre outros colectivos, unha necesaria revisión dos feitos ocorridos nos célebres xuízos ás xuntas militares. Aquí deuse o que se chamou a "transición", aprobando unha Lei de Amnistía que posibilitou que as persoas responsables de torturas, asasinatos e persecusións quedasen inmunes.

3. Que motivos te levaron a escribir esta novela?
 
Foi, aínda que poida parecer un tópico, unha necesidade de seguir un camiño que iniciara con O espello do mundo. Isto é, un desafío realmente para ver se podía seguir contando unha historia. O motivo central da "noite dos lapis" tradeábame no cerebro desde había anos. O achegamento a este suceso, entre nós, nunca fora abordado e, na Arxentina, desde un punto de vista diferente, isto é, testemuñal e documental. Sempre tiven a convicción de que aí había unha historia real, e dura, que contar. Vinculei esa historia, desde o ámbito da ficción, coa biografía dun galego exiliado por motivos políticos, loxicamente, e desa confluencia naceu o libro.

4. Tiveches familia ou coñecidos opróximos que viviron a ditadura arxentina ou que viviron o exilio durante a ditadura española franquista?
 
Non, non tiven nin familia nin coñecidos que viviron a ditadura arxentina, nin tampouco o exilio. Respecto da ditadura si tiven un tío avó que nos primeiros días do levantamento militar foi encarcerado en Vigo, no actual Marco, durante uns días, pero puido saír sen maiores complicacións. Con todo, é un capítulo da historia familiar bastante nebuloso para min, aínda.

5. De que fontes te axudaches para o proceso de escrita?
 
Non puiden acudir, lamentablemente, a fontes orais por imposibilidade de tr asladarme a Arxentina ou mesmo de facer un traballo de campo en Galicia que sospeito sería moi interesante, sospeito. Daquela optei tanto por documentarme acudindo á bibliografía sobre "a noite dos lapis" -libros, artigos, conferencias publicadas...-, e tamén á documentación existente no ámbito audiovisual, tanto en forma de documentais sobre a época como películas que tocaban o asunto da ditadura arxentina desde diversas perspectivas. Non esquezo, tampouco, a bibliografía existente sobre os galegos na Arxentina, sobre todo os traballos de Ricardo Palmás, que foron para min de moita utilidade.

6. Como construíches o personaxe central de Iria?
 
Dalgún xeito é o personaxe central, en efecto, aquel en quen quixen depositar unha maior atención e un maior coidado. Detrás dela, con todas as licenzas que a ficción permite, quixen homenaxear a afouteza, a valentía dunha moza que, en circunstancias adversas, non abdicou dos seus principios até as derradeiras consecuencias.


7. Algúns episodios son tensos, dramáticos. Como che resultou esa escrita?
 
Difícil, non o vou negar. Non quixen entrar nunha posibilidade que se ofrecía que era a de amosar a dureza, por exemplo, das torturas inflinxidas ás diversas persoas capturadas e secuestradas. Preferín,
como sabedes, outro camiño que é o de que a lectora ou o lector fixese o seu traballo, isto é, completase ou imaxinase o que ocorría. Neses episodios prefiro suxerir o que todo o mundo pode imaxinar.

8. Agora que a novela xa leva meses entre o público lector, que retorno che está a traer como autor?
 

A novela permitiume entrar en contacto con moitas persoas que descoñecía e que teñen uns valores incribles, que os conservan e difunden, porque viviron aquela época en primeira persoa. Iso foi xa para min algo formidable. En xeral foi ben recibida polas lectoras e lectores, que é o que eu lle dou máis importancia.
Que vós a lerades, pois dalgún xeito eu escribina pensando en xente moza, supón para min unha verdadeira satisfacción que moito vos agradezo.

BAILANDO CON ROSALÍA DÍA 3

Continuamos con outra versión musical, neste caso do cantautor Amancio Prada, do poema coñecido polo seu primeiro verso "Campanas de Bastabales".


BAILANDO CON ROSALÍA DÍA 2

Desta volta, Uxía proponnos esta nova proposta musical a partir da partitura do grupo Evoéh.

Que vos parece?


BAILANDO CON ROSALÍA DÍA 1

Esta é unha semana grande no ano para recibir o Día de Rosalía o vindeiro 24 de febreiro.

Unha das canles máis actuais para ler, escoitar e reinterpretar a Rosalía de Castro é a música, unha disciplina artística que foi quen de sentir a obra da poeta en clave de sol contemporánea.

Por iso, desde hoxe, cada día o alumnado de 3º ESO proporá unha peza musical diferente para nos achegar á poética rosaliana.

Vides ler e botar unha peza connosco?

A primeira proposta de Lia é a "Negra sombra" na voz de Luz Casal e a interpretación musical de Carlos Núñez.



17/02/19

DÍA DA NENA E DA MULLER NA CIENCIA



O 11 de febreiro é un día sinalado para lembrar unha realidade que debemos ter presente cada día do ano, a (desigual) presenza das mulleres no campo da investigación científica.



O mellor é coñecer de primeira man o traballo das nosas mulleres científicas e para iso compartimos a xornada do pasado xoves con tras científicas do CSIC: Eva Balsa Canto, Marta López Cabo e Luísa Martínez Lorenzo.



Grazas ao traballo de intercomunicación que desenvolvemos conxuntamente nos días previos, o encontro foi decisivo para desterrarmos falsas ideas que circulan confusamente polas redes sociais e no imaxinario colectivo a respecto da nosa realidade.



Un encontro altamente aproveitado e ao que agardamos poder dar continuidade.

Moitísimas grazas por vir ás nosas aulas!!!


23/01/19

A LEXICOGRAFÍA DOS APELIDOS


Se cadra non reparastes no que contan ou encobren os vosos apelidos. Pode ser que pensedes que, ao igual ca vós, son únicos e irrepetíbeis. Ao mellor decatástesvos de que non é así e que o seu nivel de recorrencia é moi alto.

Que segredos gardarán os nosos apelidos? Poderán estar algúns en extinción? Terán algunha relación co propio territorio xeográfico galego? Haberá un mapa dos nosos apelidos?

DESPEDIDA