29/09/15

POEMA PARA DESPEDIR SETEMBRO




Imos despedir este mes de setembro propio do reencontro nas aulas cun poema de Marta Dacosta do seu libro As amantes de Hamlet.

Que imaxes, sensacións ou pensamentos vos provoca a súa lectura?



Cando o instinto manda
e unha forza igual ao amor arrástranos
non importa que os anos marcaran as miradas
ou que as mans xa perderan o xeito adolescente.
O día interminábel instálase na mente
e as linguas que marmuran pexan os nosos pasos,
mais en chegando a noite
as coxas reconstrúen os anos que se foron
desandan os camiños e volven a outro tempo.

A lúa de setembro devólvenos os corpos
cos que nos desexamos hai xa tantas vendimas

23/09/15

OUTONO MUSICAL

Imos voltar saudar o outono da man do concerto centrado neste tempo dentro da obra As Catro Estacións de Vivaldi e con ela actualizar algunhas cuestións morfosintácticas e léxicas.



1. Inspirándote na escoita e na visualización da obra, enumera cinco palabras simples que se correspondan con estas categorías de palabras: substantivos, adxectivos, adverbios e verbos.

2. Escolle cinco palabras das anteriores e procura novas palabras derivadas.

3. Constrúe dous exemplos de frases nominais, preposicionais, adxectivas e adverbiais.

4. Agrupa todo o vocabulario por campos semánticos.

5. Redacta unha oración transitiva, unha intransitiva e outra impersoal.

Agardamos as vosas respostas completas e correctas até o venres 25 ás 24:00.

BENVIDO OUTONO



Se en setembro empeza a chover, outono seguro é

A horta en outono mantén o seu dono
  
Outono chuvioso ano copioso

Outono quente trae o demo no ventre

Moita flor na primavera bon outono nos espera

San Migueliño das uvas maduras, moito me tardan e pouco me duran

Polo San Martiño vai ver o teu soutiño



Oficialmente xa temos connosco o outono e canda el vén o ciclo da vida da terra a dar os seus froitos de temporada, tal e como testemuñan os refráns populares.

Algúns deses froitos están agochados nas adiviñas. Imos ver quen dá cun froito ben común deste tempo agochado nesta...

Alto vivo,
mírame a xente
e se me río
quedo sen dente

Esta entrada ficaría incompleta sen a vosa colaboración, así que imos aló!

Quen nos agasalla refráns e adiviñas relativas ao tempo de outono?

O tempo comeza xa! 

 


18/09/15

FESTA DA PATACA



Esta fin de semana non vai haber outro falar que non sexa a XXV Festa da Pataca de Coristanco que, como todo grande evento, ten un pregoeiro de excepción que de certo non vos ha ser alleo ao alumnado que procede do colexio da Agualada: o profesor Evaristo Domínguez, gran coñecedor e incansábel investigador da comarca de Bergantiños.




Na Lingua de Alcaián agardamos pola vosa información de primeira man sobre a actualidade das súas palabras e da estupenda fin de semana festeira que agarda por estes lares.



17/09/15

QUE FALA A WIKIPEDIA?


Algunha vez detivéstesvos a pasear pola columna da esquerda dunha páxina da wikipedia? 

Cantas linguas existen no mundo real e tamén no virtual, non si? 

Cantas persoas temos acceso á información máis próxima a nós ou lonxana no noso idioma propio!

Hoxe soubemos que o galego ocupa en presenza na wikipedia o posto 45 con 125.000 artigos.

Imos saber máis do alcance desta nova tan importante que nos ofrece o xornal dixital Praza.

15/09/15

COMEZAMOS CON EFEMÉREDE LITERARIA



Tal día coma hoxe, 15 de setembro, mais de 1851, nacía o poeta Manuel Curros Enríquez en Celanova.

Que mellor momento para retomar a nosa capacidade investigadora e procurar respostas a estas preguntas?

Olliño! Que o alumnado de 4º ESO levades moita vantaxe!

CUESTIONARIO:

1. A que provincia pertence Celanova?
2. En que cidade comezou a súa carreira xornalística?
3. En que cidade galega gañou o primeiro certame poético?
4. Con que textos?
5. Que poemario publicou en 1880?
6. Por que poemas foi xulgado e absolto? Cal era a razón?
7. A que etapa da literatura galega pertence?
8. Foi Curros Enríquez emigrante?
9. Por que aparece o seu nome vinculado á fundación da Real Academia Galega?
10. Onde faleceu? Onde está soterrado?
11. Identifica lugares, espazos e edificios públicos galegos que leven o nome do poeta.
12. Por que viviu unha triste realidade recentemente unha virxe de cristal que dá nome a un poema seu?

Para acompañar o traballo, deixémonos levar pola musicalidade da voz de Uxía para este poema tan coñecido de Manuel Curros Enríquez.

Sorte coa investigación! Agardamos respostas aquí no blog até o 23 de setembro.


14/09/15

BENVIDA AO NOVO CURSO ESCOLAR 2015-2016




  "Cinco minutos bastan para soñar toda unha vida, así de relativo é o tempo"




Que tal se intentamos soñar conxuntamente todo un curso?

DESPEDIDA