25/11/14

CONTOS DE TABERNA E MÁIS

 A xornada de mañá deste martes 25 de novembro rematou dunha maneira ben pouco habitual para o alumnado lector do libro de relatos Contos de taberna, unha lectura ben diferente ás máis habituais e recentes.

Nel Vidal, coordinador de Contos de taberna

Coñecemos de primeira man, grazas ao coordinador do volume, Nel Vidal, en representación do Concello de Carballo, como naceu esta iniciativa que renovou a aliaza habitual e natural entre os contos e as tabernas, como grandes espazos de socialización.
 
Nutrida representación de autores e ilustradores dos Contos de taberna

Comprendemos como autores e ilustradores crearon os seus textos e imaxes a partir da localización determinada dun espazo de hostalaría carballés que ás veces coñecían e ás veces non. E soubemos que a realidade case sempre está detrás da ficción.

Máxima expectación...

O reto estaba servido e dezaseis escritores e outros tantos ilustradores deron vida a outras tantas historias, en prosa e en verso, que xa fan parte de nós.



 
E xa de retorno ás aulas... sentímonos un pouco máis grandes e máis sabios, lendo entre liñas e ollando máis aló das imaxes...

Grazas a tod@s vós por este tempo tan máxico como ben demostrou o noso conveciño de Seavia José Antonio Andrade.

Como nos prestou esta biblio!!!!


23/11/14

25 DE NOVEMBRO, DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


A violencia de xénero é unha realidade diaria ben por ser coñecida a través da súa expresión dramática máis visíbel, a morte da muller a mans de quen supostamente a quería, ou por saber que é unha realidade latente, oculta, máis agresiva coa muller desde diferentes formas no territorio dos afectos máis próximo e íntimo.

O blog Trafegando Ronseis iniciou unha actividade que desde aquí aplaudimos e compartimos: Haikus contra a Violencia de Xénero, que entrelazan as palabras de escritores e escritoras contra esta lacra social da que moito nos avergoñamos coas imaxes de dúas ilustradoras.

Imos pasear estes días polo que con certeza ha ser o Libro do Mal Amor.

Imos incorporarnos tamén a este proxecto escribindo os nosos haikus. Quen se anima?

19/11/14

O NOSO BLOG RESEÑADO NA PRENSA COMARCAL


O xornal dixital da Costa da Morte Que pasa na costa acaba de seleccionar este noso blog de información e traballo compartido para as aulas dentro da súa sección "A bitácora da semana".

Moitas grazas pola atención a este xornal dixital que seguimos desde a nosa columna de prensa. O noso agradecemento maior para o responsábel desta atención, Ubaldo Cerqueiro.

Seguimos traballando!

18/11/14

IMOS DE ESMORGA ESTA FIN DE SEMANA?


Suxestiva pregunta, non si? 

Pois efectivamente esta fin de semana arranca a estrea nos cines galegos, e en Carballo tamén!, dunha película ben agardada desde hai tempo que moita expectativa creou.

A Esmorga está baseada na obra homónima de Eduardo Blanco Amor, autor que traballaremos na vindeira avaliación en 4º de ESO.

Acheguémonos a información que xa se vai difundindo nos medios de comunicación e non faltemos esta finde á cita co cine galego.



07/11/14

PARABÉNS A TODAS AS GAÑADORAS DOS CONCURSOS DE SAMAÍN

O Planeta Lingua de Alcaián quere felicitarvos a todas as persoas que participastes nos diferentes concursos relacionados co Samaín: certame de cabazas, microrrelatos de medo, chíos twitteiros que meten medo e decoración de portas.



E, especialmente, damos estes parabéns públicos a todas as gañadoras para que se estendan por todo o mundo mundial: ao equipo da aula de 4ºA, a Nuria e Julia (4ºA), Ana e Elena (3ºA).




Preparémonos para as seguintes propostas participativas no centro que hai cursos que prometen dar moito que falar... e para ben!!!

06/11/14

POLO CAMÍN DE RIBADEO SEN GHEADA NIN SESEO

Chega agora a resposta ao vídeo creado por mocidade de Rianxo para defender os seus trazos dialectais propios do bloque occidental.

Lembrades que unha das participantes citaba como riran dela por como falaba un día de excursión escolar por Ribadeo?

Pois agora chega a resposta do alumnado do instituto de Ribadeo.

E logo... como falarán por aló na Mariña lucense?

Olliño! Porque isto xa se está a converter nunha cadea de retos lingüísticos!!!


02/11/14

PALABRA DE ESCRITORA

A escritora María Solar, autora d´As meigas de Lupa, a nosa lectura trimestral en 3º ESO, responde as curiosidades que lle trasladamos vía correo electrónico.

A lectura permitiunos descubrir o Pico Sacro e a raíña Lupa, mais agora soubemos moito máis do proceso de creación desta novela que moito nos sorprendeu porque ... como se pode escribir unha historia en pleno século XXI levándonos de viaxe ao século I?




1. Que te levou a escoller esta temática para escribir As meigas de Lupa?

Quería escribir un libro para nenos como a miña filla, que é máis ou menos da vosa idade, que fose de aventuras, e que recuperara as lendas fermosísimas que temos en Galicia como as meigas ou a historia da raíña Lupa que é marabillosa. Parecíame unha pena que todos os rapaces souberan como é Hogwarts e descoñeceran que existe o Pico Sacro, coas súas covas onde dicían que se movía a raiña Lupa. Así que me pareceu boa idea escribir unha historia actual pero que tamén contara (e mesmo continuara) a lenda da raíña Lupa, ou as lendas das meigas chuchonas, as damas do castro e tantas outras e que de paso, contara como vivían os castrexos, pero todo como unha aventura divertida.

2. Custouche moito traballo escribila? Dedicaches moito tempo á procura de documentación sobre Lupa? Coñecías xa algunhas lendas previamente?

Custoume moito traballo porque son moi meticulosa. Creo que cando escribes para rapaces tes que extremar os coidados de facelo ben. Por iso estiven en contacto cun gran especialista en castros, Xurxo Ayán, que revisou todo o libro para ver que todo o que se contaba de como vivían os castrexos se axusta a realidade. Con outro investigadora, experta en romanización, conseguín saber nomes reais castrexos. Todos os que listes existiron: Ebura, Loveio, Rebur...

O libro é unha invención, algo que eu me imaxinei, pero está escrito sobre esa base real histórica de como era a vida no século primeiro, e sobre as lendas da raiña Lupa que veñen escritas no Códice Calixtino. Estou segura de que vos soa ese libro, o Códice Calixtino, que roubou da catedral de Santiago, Manolo o electricista, ben pois nel cóntase a historia desta raíña, da chegada do corpo do Apostolo Santiago a Galicia desde Palestina, os dragón do Pico Sacro, e outras lendas. Así que tamén iso tiven que revisar, igual que a vida da raiña Lupa e o Rei de Duio.

3. Canto tempo che levou o proceso de creación?

Non sabería dicilo, moito máis dun ano. O problema é que eu traballo, son xornalista, como sabedes. Cando o escribía presentaba un programa cultural diario na TVG, teño familia, fillos, así que escribo aos poucos, de noite despois de deitar ao pequeno e antes de durmir. Intento non quitar tempo á familia para escribir. Por iso esta novela chegou a obsesionarme moito porque chegou un momento que tiña xa todo o que quería escribir na cabeza e só o podía escribir aos cachiños.

4. Cal foi o personaxe que che custou máis crear?

Lupa e a avoa Berta. Lupa porque quería respectar o que din as lendas pero inventarme un personaxe que parecera real e tivera unha personalidade que encaixara cunha muller, forte, rexa, e raíña, implacable cos seus inimigos pero ao tempo cariñosa e protectora cos seus.

E a avoa porque quería unha muller actual, unha avoa moderna pero que parecera crible que estivera metida en semellante lea de ser, ocultamente, a gardesa do Castelo da raiña Lupa e dos segredos das meigas.

5. Como se che ocorreu xogar con dous tempos históricos tan diferentes como o século I e o XXI?

Foi para engancharvos. Pensei que se contaba a historia de hai dous mil anos igual levábades un susto, e vos parecía un rollazo, así que pensei en contala desde algo que pasaba na actualidade creando ese segredo que se mantivo de boca a orella durante vinte séculos, dunha muller a outra da familia.

6. Sabías desde o comezo da escrita como sería o final ou saíu sobre a marcha?

Comecei cunha idea xeral do que quería contar, e pouco a pouco fun tendo clara a personalidade de cada personaxe, e o que ía pasar. Ao final é como se o libro te levara, e a historia se fora escribindo soa.

7. Se tiveses que continuar a historia, como pensas que o farías?

Pois eu creo que o faría escollendo calquera outra das mulleres que foron no pasado vixías do castelo, como a avoa Berta. Por exemplo unha da Idade Media.

8. Esta novela vén acompañada dunha banda sonora, que supuxo para ti esta recreación musical?

Foi, posiblemente, o máis fermoso que me ten pasado cun libro. Un bo día, un compositor de música de cine que non coñecía persoalmente, David Alonso Garzón, envioume as cancións, simplemente dicíndome que lera o libro, que se criara na zona do Pico Sacro oíndolle á súa avoa esas lendas da Raiña Lupa, e que lle inspirara esa música. Cando as escoitei, caéronme as bágoas de emoción porque era auténtica música de cine. Música que recreaba distintos momentos do libro. A chegada dos nenos coa avoa; os discípulos traendo o corpo; Ebura; o soño da raiña Lupa; ou a loita das meigas no castelo subterraneo, e cando as escoitas imaxínaste exactamente iso.
Foi marabilloso inspirar algo tan fermoso.
E despois aínda naceu o audiovisual coa participación de 20 actores de Achádego Teatro de Lugo, e unha exposición. Foi incrible.

9. Que che reportou esta novela como escritora?

Aportoume moitísimo, primeiro porque aprendín moito do oficio de escritora escribíndoa, despois pola boa acollida que tivo cos rapaces que fai que xa leve tres edicións, e logo,por todo o que vos veño de contar de como medrou coa música, o audiovisual, unha web e unha exposición que non fixen eu, fixeron eles inspirándose no libro.

10. Cal será a túa próxima publicación?

Teño tres libros rematados que sairán proximamente e son moi diferentes. O primeiro é un album ilustrado mestura entre divulgación e conto que se chama “Teño uns pés perfectos” e vai diso, dos pés: por que temos unha deda gorda? Por que cheiran a queixo? etc A divulgación científica mesturada cos contos é algo que me gusta facer e creo que o vou manter sempre, xa sabedes que son tamén bióloga, será por iso.

Os outros dous son un libro infantil moi divertido e fantasioso, e un libro xuvenil para rapaces xa moi maiores ou adultos e é unha historia que fala sobre todo de amor e sentimentos. Igual cando saia aínda o ledes no Bacharelato!!!

María Solar asinando exemplares da súa novela o curso pasado no noso centro


Moitas grazas, María, por nos dedicar un tempo para responder as nosas curiosidades. E como gustamos tanto da lectura, imos escoitala na túa voz para convidar a todo o mundo a que a lea.

 

DESPEDIDA