28/03/14

COMO CHO DIGO;-)

Esta semana presentouse publicamente a campaña Como cho digo ;-) co obxectivo de reclamar a visibilizacion do galego nos medios de comunicación.

Este vídeo de presentación dá conta de diferentes reflexións ao redor da tradución ao castelán que moitas veces a prensa fai das declaracións ou entrevistas a persoas que se expresan en galego.

Seguro que recoñeceredes moitas caras!!!


Rematada a visualización, cómpre reflexionarmos sobre os contidos nel expresados, en primeiro lugar, para analizar deseguido a aplicación dos conceptos de "normalización" e "dinamización" lingüística, así como valorar cales dos tres pulos normalizadores (institucional, colectivo e individual) participan desta campaña.

14/03/14

NOVA NARRATIVA GALEGA


Velaquí un enlace interactivo para completar as nosas explicacións e lecturas de aula ao redor da narrativa galega de posguerra.

Non esquezades que o vindeiro luns 17 de marzo deberedes ter decidido, aínda que é con carácter voluntario, o alumando de 4º ESO, que escritor ou escritora deste tempo ides analizar e presentar ao grupo.

Boa viaxe literaria!

09/03/14

21 DÍAS CO GALEGO

 O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES da Pobra do Caramiñal levou a cabo, por segundo ano consecutivo, durante vinte e un días do pasado mes de febreiro, unha actividade de normalización e dinamización lingüística coñecida como 21 Días co Galego.

Estes vinte e un vídeos de persoas representativas de sectores sociais, profesionais e de idade diferente, algúns recoñecidos publicamente e outros totalmente anónimos, dan para moito pensar, falar e escribir a respecto da realidade sociolingüística galega.

Imos aló, entón, poñer en práctica as nosas capacidades de observación e reflexión a partir destas ideas que cumprirá resolver para, no fin da actividade, entregar un traballo por escrito cuxa data se avanzará en breve.

1. A que sectores da sociedade vai dirixida esta proposta normalizadora? Por que?
2. Que argumentos se reflicten nos vídeos para convidar a usar o galego a diario?
3. Pensas que son argumentos convincentes? Por que?
4. Que prexuízos lingüísticos recoñeces nos diferentes vídeos?
5. Escolle os tres vídeos que máis te sorprendesen ou impactasen e elabora un comentario para cada un deles.

E máis nada... boa viaxe sociolingüística audiovisual!!!

DESPEDIDA