18/02/14

7º DÍA CON ROSALÍA


Rosalía Villar preséntanos a versión musical deste poema ben coñecido, "Campanas de Bastabales", interpretado por Amancio Prada e gravada o pasado mes de xaneiro no Pazo da Cultura de Pontevedra, na XI edición do festival Cantos na Maré.

Preguntarédesvos por que o escolleu. Velaí a resposta de Rosalía:
  Escollino porque me gustou. É un destes vídeos que escoitas e che gusta, pero descoňeces o motivo.

17/02/14

6º DÍA CON ROSALÍA

Juan Seoane (3ºB) ofrécenos este poema de Rosalía de Castro para a nosa lectura e reflexión, mentres que Leticia Muíño (3ºA) nolo achega arroupado cos son musicais do alumnado do CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo) 


Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.
Si cantan, es ti que cantas,
si choran, es ti que choras,
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora.
En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras. 

14/02/14

5º DÍA CON ROSALÍA

Sara Costa (3ºA) volve para nos achegar un poema de Rosalía nunha clave musical ben moderna.

A rapeira viguesa AID pon voz a esa muller deshonrada que se viu obrigada a tomar "A xusticia pola man".


13/02/14

4º DÍA CON ROSALÍA

Iria Bouzas (3ºA) toma a palabra e o temón deste blog hoxe para nos abrir a porta da Casa Museo Rosalía de Castro.



No outono de 1947 creouse o Patronato Rosalía de Castro co fin de reparar a Casa da Matanza en Padrón, casa na que Rosalía viviu os seus últimos anos de vida. 

Restaurouse en 1971 e converteuse en Casa-Museo en 1972, aínda que conserva de forma practicamente inalterada a súa estrutura orixinal que consta de dúas plantas. 

Na planta baixa, denominada 'O perfil dunha sombra', pódese apreciar a súa vida, o entorno que a rodeou e a relación do pobo galego coa escritora.
 
A primeira planta, chamada 'O seu', é unha recreación da casa rural da época, entre labrega e fidalga.
 
 
 

12/02/14

3º DÍA CON ROSALÍA

Vanesa Varela (3ºA) escolleu este poema de Rosalía de Castro para a entrada deste 3º Día con Rosalía. Cal é a razón da súa escolla? Velaquí:

Escollín este poema porque me encantou a forma de expresar esas ganas de vivir e de facer o que ti penses sen atender a opinión doutras persoas que expresa Rosalía de Castro neste poema :)


Din que non falan as plantas, nin as fontes, nin os paxaros,
nin a onda cos seus rumores, nin co seu brillo os astros,
dino, pero non é certo, pois sempre cando eu paso,
de min murmuran e exclaman:


-Aí vai a tola soñando
coa eterna primavera da vida e dos campos,
e xa ben pronto, ben pronto, terá os cabelos canos,
e ve tremendo, atericida, que cobre a xeada o prado


-Hai canas na miña cabeza, hai nos prados xeada,
mais eu prosigo soñando, pobre, incurable somnámbula,
coa eterna primavera da vida que se apaga
e a perenne frescura dos campos e as almas,
aínda que os uns esgótanse e aínda que as outras se abrasan.

Astros e fontes e flores, non murmuredes dos meus soños,
sen eles, como admirarvos nin como vivir sen eles?

11/02/14

2º DÍA CON ROSALÍA

Hoxe toma a iniciativa Julia Vila (3ºA) para nos presentar Rosalía de Castro de xeito musical e en formato rapeiro.

O rapeiro monfortino "Kadi Galician Bully" presenta o seu tema "Rosalía de Castro" extraído do próximo disco "Galician Bullys" e grazas a el imos tirar algúns datos da súa biografía e pensamento, ademais de escoitar algún dos seus poemas.

Como era o seu ideario vital? A que poemas nos referimos? Quen responderá primeiro?


10/02/14

1º DÍA CON ROSALÍA

Hoxe iniciamos un camiño novo na nosa comunicación didáctica nas aulas de lingua e literatura galega de 3º e 4º ESO.

Sorprendid@s as persoas que non nos coñezan? Seguro que si, mais imos explicarnos.

Hoxe, 10 de febreiro, iniciamos unha viaxe á descuberta da escritora fundacional da literatura galega, Rosalía de Castro, que rematará o 24 de febreiro, o Día de Rosalía, coincidindo coa data do seu nacemento.

Cada xornada unha alumna ou alumno dos niveis antes mencionados achegaranos algún dato para descubrir esta escritora dun xeito poliédrico e desde diferentes enfoques e formatos. Elas e eles tomarán a palabra para partillaren colectivamente a Rosalía de Castro á que se van achegando.

Con certeza, habemos levar gratas sorpresas da súa capacidade investigadora!

Eu andaría ben atent@ cada día...



E para comezar, Sara Costa (3ºB) lánzanos a pregunta que se fixeron nesta escola de educación infantil de Lañas (A Baña): Viches a Rosalía de Castro?



07/02/14

FORMIGAS... INOCENTES?



Formigas foi a novela negra de Tucho Calvo que nos puxo a pensar sobre o mundo das formigas, especialmente sobre a súa capacidade de traballo e de organización colectiva, pois son ben conscientes (quen o diría con ese tamaño tan minúsculo e inocente que presentan!!!) de que o mellor xeito de conseguir un propósito beneficioso para a comunidade é arrimando o ombreiro cada un dos membros desa comunidade.


Agradecemos a Tucho Calvo a súa visita que moi ben acompañada viña dunha exposición fotográfica de formigas (como non!!!) e mais dos debuxos a lapis orixinais que realizou o ilustrador Abraldes para o libro.

A partir de agora andaremos moito máis atent@s ás formigas...

Aprendendo das formigas...

Lectoras de Formigas e presentadoras de Tucho Calvo
Descubrir a persoa que dá vida á nosa lectura

Aleixandre agardando feliz a dedicatoria do autor










03/02/14

MAPA DIALECTAL GALEGO



Unha lingua e moitas falas ou falares que axudan a responder esa pregunta tan galega: E ti de quen vés sendo?

Reparade neste audio libro que nos ofrece unha mostra representativa das variedades dialectais galegas. A continuación, realizade a tarefa explicada na aula e consistente en:

* Seleccionar unha gravación de cada bloque dialectal e localizar cinco trazos dialectais que a definan.



Lembrade que esta tarefa de aula será partillada e revisada na aula do vindeiro xoves 6 de febreiro.

DESPEDIDA