28/11/13

ENCONTRO COA ESCRITORA MARÍA SOLAR



Hoxe comezamos a mañá dun xeito ben diferente ao habitual. Mudamos a aula convencional de 3ºA e 3ºB pola Sala de Usos Múltiples para recibir a María Solar, a creadora da novela As meigas de Lupa, publicada por Edicións Xerais, que nos fixo cabalgar entre o século I e XXI coa rexa e valente Raíña Lupa como compañeira de viaxe.



Unha conversa con María Solar que tamén resultou diferente, pois descubrimos como a experiencia da escrita se foi achegando a ela desde a adolescencia até esta última publicación que tantas alegrías máxicas lle leva dado. Como senón se pode explicar que alguén a quen non coñecía a autora, como David Alonso Garzón, decida crear unha banda sonora de auténtico cine para o teu libro?










Aínda que continuaremos a escoitar esta banda sonora tan fermosísima e acaída á evolución da novela, imos deixar por aquí o enlace ao tema principal desta bada sonora que se titula "O soño de Lupa".

Moitas grazas, María, por nos acompañares hoxe para partillares conosco o pracer da lectura, da procura de historias máxicas que agardan por nós na casa, na familia e no contorno máis próximo, e da escrita!

22/11/13

PARA ESE ALUMNADO FUTBOLEIRO...

... que vive a procura do gol a flor de pel a todas as horas do día... vai dedicada esta entrada hoxe ( e sen que sirva de precedente...).



Quen vai empezar a compoñer este álbum de cromos futboleiro da Costa da Morte????


21/11/13

DA MUIÑEIRA DE RAZO ÁS PERÍFRASES VERBAIS

Hai uns días esta Lingua de Alcaián descubriunos nas aulas de 3º ESO a Muiñeira de Razo nos sons de Xabier Díaz. As coplas da muiñeira leváronnos ao estudo das perífrases verbais. Quen o diría, non si?

Como vimos a urxente necesidade de refrescar esta cuestión, velaquí un enlace directiño á identificación e clasificación do sistema perifrástico verbal galego. 

E como non hai mellor teoría que unha boa práctica, velaquí unhas actividades para se pór ao día.
 
A partir de agora non hai escusas que vallan...

20/11/13

DESTINO COÑECIDO

Desta volta a descuberta viaxeira si que foi fugaz!!!

Judith Martínez e Vanesa Varela decatáronse de que esta nova paradiña faciámola Nas Torres de Mens, mais foi Vanesa quen nos contou algo sobre este lugar bergantiñán tan particular.


A imaxe do blog pertence ás ''Torres de Mens'' que se encontran en Malpica de Bergantiños.

No pasado foi a fortificación dos antigos condes de Altamira; contruíuse entre os séculos (XI-XII) e, despois de ser destruída durante as Guerras Irmandiñas, en 1467 reconstruíuse no século XV. 
 
Consta de vivenda, patio e tres torres cunha muralla case circular.
 
Actualmente, non se pode acceder ao seu interior, permitíndose soamente o acceso polo exterior ata a torre da entrada.
 
O proxecto de restauración e rehabilitación do castelo ''Torres de Mens'', recibiu un diploma de ''Europa Nostra'' en 1993 pois supuxo a recuperación de patrimonio abandonado.

18/11/13

NOVA DESCUBERTA VIAXEIRA

Até tres pretendentas tivo hoxe o noso novo destino viaxeiro: Adriana Lista, Cintia Riveiro e Verónica Viqueira.

Que vos parece?

De entre as tres respostas atinadas, imos escoller a que, ademais, nos achegou información sobre este lugar: o Faro de Punta Nariga.



Deixámosvos coas palabras da guía de 4º Verónica Viqueira:

A foto do blog corresponde ao Faro de Punta Nariga. 
 
Este faro atópase en Malpica e é o último faro construído en España (1998).
 
O cilindro da torre está construído con granito do Porriño conforme o deseño do arquitecto César Portela.
 
Orientado ao oeste, preséntase como a proa dun barco que suca as augas, coroada por unha escultura de bronce. Esta trátase dunha particular estatua do artista Manolo Coia, tallada en 1994, cuxa figura se debate entre o humano e a forma dunha gaivota como se fose unha ave a piques de voar.

QUEN DIXO QUE RAZO SÓ ERA PARA O VERÁN?

Neste tempo de outono, de arrecendo a castañas asadas ou bañadas en auga de fiúncho, podémoslle botar unha cántiga ou unha bailadela a ritmo desta Muiñeira de Razo da Costa interpretada por Xabier Díaz, acompañado por Pedro Lamas (saxo soprano) e Suso Iglesias (acordeón).




15/11/13

VERBAS PARA COMPARTIR

Imos ollar as verbas que reproduce esta curtametraxe, recoñecer aquelas cuxo significado descoñecemos para adoptalas para o noso uso. Finalmente, deixaremos máis abaixo en comentario unha palabra nova, da nosa especial preferencia, coa que nos agasallaremos.

Quen empeza?


AND THE WINNER IS...

Moito tempiño levou descubrir que imaxe era esa que se agochaba na sección "Un lugar por descubrir".

Menos mal que chegou Adriana Lista (3ºA) quen deu con ela e identificou para todas e todos nós: o museo natural de Man de Camelle (Camariñas).

Vexamos algunhas imaxes...














Esta semana volveu ser noticia a catástrofe provocada pola marea negra do petroleiro Prestige. E con ela, tamén Man, o autor deste museo, volveu á actualidade. 

Alguén nos pode poñer na pista das razóns que explican que isto sexa así?

09/11/13

Di o refrán: 

Polo San Martiño faise o magosto con castañas asadas e viño ou mosto

Con todo, tomade atención... Luís Davila advírtenolo...




04/11/13

FRANCISCO CASTRO E A LINGUA DO ALÉN

Hoxe o escritor que moitas e moitos de vós coñecedes en primeira persoa publica, no xornal dixital Praza pública, un artigo relacionado coa nova anterior que reflexionaba sobre a necesidade de facer pervivir a lingua galega máis aló da nosa presenza física no mundo de aquén.

Lápida de Celso Emilio Ferreiro no cemiterio de Celanova




Lápida de María Luísa Moraima, compañeira de Celso Emilio


03/11/13

4 DE NOVEMBRO: DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

Hoxe celébrase, por cuarto ano consecutivo, o Día da Ciencia en Galego.

Cada ano descóbrense tres personalidades relacionadas co ámbito da ciencia, tal e como podedes ver no cartaz divulgativo desta edición.


Agora é o momento das preguntiñas...

1. Por que se celebra este día?

2. Que papel desempeñaron no ámbito científico esas tres persoas?


Agardamos os vosos comentarios-respostas por aquí...

AS VANGARDAS (I)

Casa de Manuel Antonio, poeta vangardista rianxeiro, que visitamos o curso pasado

Iniciamos o estudo das vangardas literarias en 4º ESO e para iso imos seguir os contidos didácticos desta etapa renovadora e transgresora a través deste blog.

Para tomar un primeiro contacto informativo e contextualizador, arrancamos coa lectura dos cinco apartados correspondentes á "Introdución".

A posta en común destas tarefas que resolveredes de xeito individual será o venres 8 de novembro.

Boa viaxe vangardista!




02/11/13

AS MEIGAS DE LUPA: A BANDA SONORA

Que vos parece a banda sonora da novela As meigas de Lupa?

Sen palabras...



AS MEIGAS DE LUPA

Rematamos coa lectura da novela de María Solar, As meigas de Lupa, e chega a hora de descubrir datos sobre lugares e persoas que constrúen esa obra.

O primeiro lugar que forma parte da realidade galega é a ambientación no Pico Sacro de Boqueixón (A Coruña).

Imos viaxar cara este simbólico lugar ...



E agora será a propia autora, María Solar, quen nos fale da Raíña Lupa, dos romanos, das meigas...



A LINGUA DO ALÉN





Vivimos nestes días coas lembranzas dos defuntos, visitamos os nosos cemiterios entre chuvias e brétemas. Decatámonos de que nestes lugares de sobrecollemento tamén a lingua está a falar de nós.


O galego semella non ser a lingua do alén, mesmo naqueles casos en que fose a lingua da persoa falecida. Velaquí unha mostra dese concepto de estudo en 3º e 4º: a diglosia.

Imos ler esta nova e deseguido porémonos mans á obra.


O traballo para desenvolver nesta segunda metade do trimestre consistirá en formardes grupos, residentes nas mesmas parroquias, para recoller o inventario de todas aquelas lápidas que estean escritas en galego.

Unha vez dispoñamos de todos os datos das parroquias do concello, elaboraremos un informe global e contrastaremos a nosa información coa que nos achega a noticia xornalística.


E, finalmente, para termos maior información sobre este tema, leamos este artigo de opinión do crego Xaquín Campo Freire.

01/11/13

NOVO PREMIO PARA A LITERATURA GALEGA




Ardalén, o cómic de Miguelanxo Prado, acaba de gañar o Premio Nacional de Cómic







Despois da alegría que nos deu recentemente a poesía co libro de Manuel Ávarez Torneiro, Os ángulos da brasa, agora o cómic volve ao primeiro plano da actualidade.

Parabéns para o autor!!!



Mais que é realmente Ardalén, esta historia ambientada nos Ancares galegos que foi creando ao longo de tres anos!!!!

DESPEDIDA