21/06/13

DESPEDIDA

Chegou o momento tan agardado da fin de curso e das despedidas.

Desde a "Lingua de Alcaián" queremos mandarvos un saúdo moi especial ao alumnado de 4º. Moita sorte no voso novo destino académico!!!! E non esquezades volver de cando en vez para manternos ao día das vosas andainas.

E o alumnado de 3º... xa sabedes o que vos agarda o ano que vén... moitísimo máis curro e aínda mellores experiencias de aprendizaxe compartida!!!

A todas e todos vós desexámosvos...


16/06/13

XA TEMOS O NOSO PROPIO .GAL!




A comezos do 2014 irémonos habituando a ver enderezos de portais dixitais rematados dentro do dominio .gal.

Este novo dominio identificará no mundo e dará visibilidade á lingua e á cultura galega. 

Parabéns aos milleiros de persoas que, desde a Asociación Puntogal, turraron por el.

 



PALABRA DOS MAIORES: UNHA GRAN LECCIÓN

Segunda feira ou luns?

Terza feira ou martes?
...


Como sempre, a sabedoría reside nos nosos maiores, así que imos porlles atención aos informantes de Bergantiños a ver que nos contan neste vídeo.

10/06/13

AS FRONTEIRAS DO GALEGO

Realmente as fronteiras do galego rematan onde sinalan os marcos administrativos da actual comunidade autónoma? 

Se cadra, en canto escoitemos esta fermosa canción da cantora angolana Aline Frazão mudamos de opinión.

Primeiro, imos escoitala con atención... e mesmo  se os ritmos nolo requiren... bailémola! 

Con todas e todos vós: "O que ela quer".




Agora, veñen os deberes. É preciso anotar cales son as diferenzas gráficas entre galego e portugués. Está permitido escoitala outra vez ao tempo que tomamos lapis e papel...

Ollo co ritmo que é algo "contaxioso"...




06/06/13

NOVAS MÚSICAS PARA A FIN DA PRIMAVERA

Xa temos escoitado por aquí a música de Verdillo coñecida como Sés, lembrades?

Agora volve aos escenarios con novo disco titulado Co xenio destrozado. Velaquí a primeira proba...


GRAN SORPRESA!!!

Hoxe, no blog da Editorial Galaxia, falan de nós e do noso percorrido vigués pola Casa Galega da Cultura. 

Ídelle botando unha ollada por aquí... e xa veredes...


A SENSIBILIDADE DE FEDERICO GARCÍA LORCA

O 5 de xuño de 1898 nacía o brillante poeta Federico García Lorca. A súa sensibilidade levaríao a compoñer seis poemas en galego. Un deles este "Madrigal á cibdá de Santiago", musicado por Luar na Lubre, que hoxe é boa ocasión para o lembrarmos.


05/06/13

E TI QUE OPINAS?

A comunicación mudou ao longo dos tempos. Desde os sinais de fume até o skype...

A representación gráfica da comunicación escrita tamén foi mudando cos tempos...

Imos reflexionar sobre os novos modelos gráficos que hoxe reproducimos en contextos non coidados e, sobre todo, dixitais. 



Para iso, leremos este artigo de opinión de Nel Vidal, publicado hoxe no xornal dixital Praza, e tomarémolo como base para cear o voso persoal artigo de opinión a respecto da oportunidade ou inconveniencia do uso que facemos da linguaxe de sms, watshapps, redes sociais...

01/06/13

REPASANDO O ARTIGO DE OPINIÓN

Neste enlace localizaredes un breve repaso teórico e práctico sobre o artigo de opinión. 

Agardo que vos sexa de utilidade para a elaboración do voso próximo artigo de opinión persoal que realizaremos en breve na aula como tarefa trimestral.

Velaquí unha idea...





NOVA DESCUBERTA VIAXEIRA

Cintia foi a nosa excepcional guía que nesta ocasión descubriu que a nosa imaxe era a ermida de Santo Hadrián de Malpica. Parabéns, Cintia!

Así nolo conta...



Moi cerca  de Malpica e  frente ás famosas e misteriosas Illas Sisargas, atópase o  Cabo Santo Hadrián. Desde este cabo podemos acercarnos ao miradoiro situado xunto á Ermida de Santo Hadrián. Desde aquí hai unhas impresionantes vistas do Océano Atlántico, así como das Illas Sisargas e do bonito pobo mariñeiro de Malpica de Bergantiños que merece a pena coñecer.
A devoción dos veciños da comarca por Santo Hadrián é enorme, e por iso cada domingo despois do 16 de xuño celébrase unha procesión e romaría que parte dende Malpica, por terra e por mar, chegando ata a ermida.

DESPEDIDA