31/01/13

FEBREIRO: MES DE ROSALÍA DE CASTRO


Un 24 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro, a nosa poeta fundacional. Será por volta desas datas cando se celebren varios actos de lembranza da súa figura e, sobre todo, da súa obra. E nós tamén participaremos deles. En breve iremos anunciando algunha sorpresa!!!!

É por iso que o mes de febreiro imos dedicarlle especial atención a calquera nova que teña a ver coa nosa poeta, nome propio da etapa da historia da literatura coñecida como Rexurdimento, que andamos  a descubrir nas aulas de 3º.

De momento, velaquí unha interesante nova que nos fala de como a obra rosaliana está a ser traducida ao árabe. Quen o diría!

30/01/13

ANIVERSARIO DE CASTELAO


Hai 127 anos, un día como hoxe, o 30 de xaneiro de 1886, nacía en Rianxo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Achegámonos a el grazas ás lecturas que nos legou: Retrincos, Un ollo de vidro.Memorias dun esquelete e Cousas.


Impresionounos a recente tradución dunha escolma das Cousas da vida ao inglés e mais ao bengalí. Unha magna obra reunida en seis volumes que só puido ser publicada pola Editorial Galaxia a partir de 1961, superando a censura franquista.


Imos ver outra escolma desta obra feita no IES Elviña d´A Coruña que vos colocará en disposición de responder esta pregunta:

Que temas abrangue Castelao neste subxénero literario creado por el que combina imaxe e texto?

Ficamos á espera das vosas respostas...



Á PROCURA DOS NOSOS MELLORES GRAFITIS POÉTICOS


O obradoiro de poesía e grafiti de Dores Tembrás deunos para falar sobre esta temática para nós tan novidosa. E tamén nos deu para experimentar nesta nova exploración polo interior do mundo das palabras. 



Iniciamos hoxe nas aulas a recolleita dos vosos grafitis poéticos. En canto os teñamos todos, exporémolos por aquí, neste común escaparate virtual e abriremos o concurso para seleccionar os que máis nos gusten.

E despois? Pois haberá que procurarlles un lugar no centro para grafitealos, non si?



Adiante! Eu xa vou deixando o meu por aquí (aínda que non entra en fase de concurso, eh!)

NON O PENSES. SÓ ESCRÍBEMO! 

26/01/13

QUEN CUBRIRÁ A BAIXA DE IKER CASILLAS?


Andan os seareiros madridistas preocupados coa persoa que substituirá o porteiro Iker Casillas...

Quen será, será?

Se cadra aínda tamén por aquí os futobolistas galegos dan algunha sorpresa...

Eu non digo nada que logo todo se sabe...

25/01/13

QUEN QUERÍA MÁIS DEPORTE?


Meu dito, meu feito, di a sentenza galega.

Velaquí vos presento o novo portal deportivo Táboas.

Que é? Pois botádelle unha partida...

PECHA O ÚLTIMO DIARIO EN GALEGO

Portada do último número do xornal De Luns a Venres

A nova xornalística de hoxe é esta: o peche do último xornal en papel publicado a diario e coñecido como De Luns a Venres, distribuído de forma gratuíta.

Toda a información, aquí, grazas ao xornal dixital Galicia Confidencial.

Leremos con atención e comentaremos o vindeiro luns ao redor da situación que está a vivir a prensa en papel, con carácter xeral, e a escrita en galego, de xeito particular.

Na actualidade, o único xornal que podemos ler en galego é o semanario Sermos Galiza.

22/01/13

OUTRA VIAXE DESCUBERTA!

Cada viaxe é máis curta porque a resolvedes axiña. Moitas grazas aos tres compañeiros que nos guiaron desta volta polo Cabo do Roncudo, en Corme.


Cintia, Félix e Judith responderon case ao unísono como un coro polifónico! E Félix, ademais, ilustrounos coa súa reportaxe informativa. Así calquera! Ollade o que nos contou:

Esta vez a foto de "Un  Lugar Para Descubrir" é o Cabo Roncudo, situado en Corme. Este cabo é chamado así polo rouco son que fai cando as olas baten contra as rochas.
É un dos cabos principais da zona de Bergantiños, nos seus cantís encóntranse uns percebes, que, xunto cos do Cabo Ortegal, son os máis apreciados de Galicia, xa que teñen fama mundial polo seu sabor, pola súa escaseza e pola gran dificultade de collelos, debido á perigosidade do lugar en que se encontran. Neste cantil morreu moita xente, por iso están as cruces de pedra que se ven na imaxe, para recordaren as vidas dos mariñeiros afogados e desaparecidos.

21/01/13

A NOSA LINGUA TEN FUTURO

Esa é a aseveración que a cantante galega Uxía Senlle nos ofrece hoxe nunha interesante entrevista no xornal dixital Praza.



Imos ler con atención a entrevista e comentar de vagar as súas respostas, á vista de que estamos ante unha das voces máis exitosas do panorama musical internacional.


REPASO DE ANÁLISE SINTÁCTICA


Atendendo á demanda dunha parte do alumnado de 4º, velaquí vos deixo un novo conxunto de oracións para avanzar na práctica sintáctica que serán corrixidas nas vindeiras sesións desta semana:


1. Os deportistas falan entusiasmados dos resultados.
2. Esta mañá tivemos moito traballo na oficina.
3. Pasámolo moi ben falando de rapaces.
4. Este coche vendértonmo barato e duroume moito tempo.
5. Os legumes son moi bos para o organismo.
6. Deixade de darlle á lingua e concentrádevos no traballo.
7. Ceamos agora ou agardamos un chisco?
8. Traballaron até tarde mais non remataron.
9. Ben fala de fútbol ben fala de literatura.
10. Saíu pescar pola mañá cedo, no entanto non pescou nada.

Con todo, velaquí un enderezo con actividades complementares de lingua en xeral e de sintaxe en particular.

19/01/13

NOVAS DE ACTUALIDADE PRÓXIMA

Esta semana tivestes a oportunidade de axudar a mellorar este blog. As vosas respostas críticas, e moi construtivas, á enquisa avaliadora sobre formato, presentación, contidos e utilidade didáctica desta nosa Lingua de Alcaián axudarán, sen dúbida, a mellorala. Tomamos boa nota!

E empezamos xa con esta entrada, pois algúns de vós estrañades novas de actualidade inmediata, próximas ao noso contorno de vida e traballo.

Infelizmente, desde hai un tempo unha nova circula por todos os medios de comunicación, nas redes sociais e nas conversas dos veciños de Coristanco e doutros concellos limítrofes: a mina de ouro a ceo aberto que unha empresa estranxeira quere explotar en Corcoesto, no concello de Cabana.



Iniciamos, entón, unha tarefa de investigación en 3º e 4º que dea resposta ás seguintes preguntas:

1. Cal é o obxectivo empresarial que se procura?
2. Onde se ubica exactamente?
3. Que concellos se ven afectados a maiores? Por que?
4. Á vista da controversia que o proxecto ten suscitado, que argumentos se ofrecen a favor e en contra desta explotación mineira?

18/01/13

BOAS NOVAS DESDE A REAL ACADEMIA GALEGA


Acabamos de saber que hoxe o plenario da Real Academia Galega elixiu a escritora Fina Casalderrey como nova académica, unha marabillosa escritora que hai uns anos nos visitou no centro. Lembrádela?

Desde a Lingua de Alcaián enviámoslle os nosos parabéns e agradecemos todo o traballo que leva desempeñado ao longo de milleiros de páxinas escritas pensando nos lectores e lectoras máis novas.

Fisgade por aquí e veredes que currículo!!!



TEXTO ARGUMENTATIVO


Velaquí vos presento unha nova xornalística desta semana que servirá de documento sobre o cal deberedes preparar o voso persoal texto argumentativo:


Para refrescar as ideas, sintetizo a estrutura que debe guiar a redacción dun texto argumentativo:

1. TESE: presentación da idea ou tema central que é obxecto do debate.
2. CORPO ARGUMENTATIVO: sucesión de argumentos que sustentan a tese.
3. CONCLUSIÓN: idea final que sintetiza o anterior e pecha o texto.

A data límite para entregar o voso texto argumentativo será o luns 28 de xaneiro.

16/01/13

RAP, RAP, RAP...


Se queredes estar informad@s sobre o rap actual que se crea a nivel galego, o xornal Faro de Vigo publica unha interesante reportaxe asinada pola xornalista Montse Dopico:

http://www.farodevigo.es/sociedad-cultura/2013/01/14/rap-rap-rap/740577.html

E para acompañar a lectura, que tal escoitar a García Mc rapear unha letra que ides recoñecer de contado?


25 ANOS DE ROCK GALEGO COS ZËNZAR

O rock galego que nos últimos anos veu facendo protagonista o grupo de Cerceda, Zënzar, está a piques de cumprir vinte e cinco anos de música, gravacións e directos sobre o escenario.


Para celebralo, reuníronse dezaoito bandas rockeiras do país coa ide ade lles renderen unha homenaxe musical en forma de disco versionando varios temas míticos de Zënzar.

Desde a Lingua de Alcaián dámoslles os parabéns e convidamos a escoitalos. E como hoxe chove, por que non escoitarmos o seu tema "Chove" do álbum Todo vai ben (2001)?




15/01/13

PAULINA CEREMUZYNSKA: UN MUNDO DE SORPRESAS

Agora tócanos coñcecer as valoracións que fixestes do encontro musical que mantivemos coa musicóloga polaca, especialista no noso cancioneiro medieval, Paulina Ceremuzynska, un nome que a comezos de curso case nos resultaba impronunciábel e agora xa se volveu familiar entre nós.



Estas foron algunhas das vosas reflexións escritas:

1. "O que máis me impresionou, á parte da súa voz, foi o ben que fala o galego sendo polaca, o moito que disfruta co que fai e, sobre todo, o seu gusto pola cultura galega, xa que a gran maioría das persoas temos tendencia a fixarnos máis no de fóra que non que hai aquí dentro, en Galicia".

2. "Foi moi reconfortante saber que non só nós falamos galego e mostramos interese por el, senón que outra xente doutros países tamén se preocupa pola nosa lingua e pola nosa terra. Necesitabamos máis tempo para escoitar máis cantigas galegas medievais interpretadas pola fermosa voz de Paulina. Foi un tempo que aproveitamos moito e que nos serviu para ter máis aprecio pola nosa terra e pola nosa lingua".



3. "Levei unha moi boa impresión de Paulina. Cando comezou a falarnos do importante que era o noso patrimonio, ela, unha persoa polaca, levei unha grande alegría, xa que aínda hai galegos que non aprecian o noso patrimonio coma ela".

4. "Foi emocionante cando empezou a cantar as cantigas medievais galegas; paréceme que ten unha voz marabillosa e, sobre todo, valoro que fale tan ben o galego e se interese por el".

5. "Con ela aprendín que aínda que unha persoa sexa doutro país, non sabe menos ca nós do lugar onde residimos, ao contrario, aínda chega a saber máis cousas que nós descoñeciamos".

6. "Fíxoseme moi curto e fascinoume como canta as cantigas de amigo".

7."Foi unha experiencia totalmente inesquecible. Escoitar unha voz tan incrible desde tan cerca é un privilexio. Desta actividade aprendín moitísimo. Ver como se emocionaba, como sentía o que estaba facendo, foi estremecedor. Penso que Paulina nos en sinou unha gran lección ese día: amar a cultura e o patrimonio da nosa terra, porque, ao final, é o únco que queda por sempre".


8. "Fíxonos comprender que o galego é máis coñecido do que nos parece".

9. "Descubriume outro tipo de música que nos estamos afeitos a oír nas radios, na tele, na internet... Pareceume que tiña unha voz impresionante".

10. "Son impresionantes a súa maneira de cantar, o seu dominio de lingua e o seu bo coñecemento sobre as nosas cantigas medievais".

VALORACIÓN DO OBRADOIRO POESÍA + GRAFITI


Chegou o momento de coñecer a vosa valoración das actividades de fin do primeiro trimestre, organizadas de xeito colaborativo etre o departamento de lingua galega e o equipo de normalización lingüística. Imos coñecer algunha das vosas valoracións a respecto da actividade, que segundo vós, máis vos impactou: o obradoiro de poesía e grafiti impartido pola poeta Dores Tembrás.

Cedémosvos a palabra, aínda que, iso si, respectando a vosa avaliación anónima:

1. "Creo que non houbo mellor maneira de acercarnos a poesía que relacionándoa tan estreitamente co grafiti; era a primeira vez que oía falar desta mestura e, nada máis chegar á casa, fixen un par de imaxes de grafitis ou poemas escritos nos sitios máis acertados que eu nunca puidese imaxinar e encadreinos".

2. "O obradoiro de Dores foi o que máis me gustou. A súa entrega, o sedntimento co que nos falaba, víase realmente que lle gustaba o que estaba facendo e intentounos transmitir a nós esa entrega. A pesar de ser dúas horas, pasáronme rapidísimo, case sen enterarme".

3. "Gustoume moito a idea de combinar grafiti con poesía; incluso seguín buscando eu fotos na casa do tipo que ela amosou na clase".


4. "Esta actividade merece un 10!!!

5. "Gustoume moito porque me serviu para ver dutra forma a poesía"

6. "Foi estupendo, fixo que nos acercásemos máis á poesía e foi moi participativo. Acabei por emocionarme cando lemos as nosas palabras. Pode volver cando queira, agardámola!"

7. "Demostrou que para aprender non fai falla recorrer decotío aos libros. Este obradoiro cos grafitis foi unha boa mostra de modernidade e de novas tendencias".

8. "A actividade de Dores Tembrás foi moi dinámica e entretida e foi unha pena non dedicarlle máis tempo (...) o que máis me gustou foi ao final realizarmos a idealización dun obxecto que significase algo para nós; para min foi unha rebelación na forma de ver as cousas".


9. "Persoalmente, encantoume esta actividade, gustoume a maneira de expresarse, como se nota que lle encanta a palabra a Dores e a maneira de mesturas a poesía cos grafitis. Houbo frases que me chegaron e gustoume coñecer a palabra doutro modo ata o de agora para min descoñecido".

10. "Gustoume moito esta actividade porque sacaba todo o teu sentimento que tiñas gardado dentro a través de grafitis e de frases moi cheas de razón e sentimento".

GRAZAS DORES! AGARDÁMOSTE DE NOVO!



14/01/13

CASTELAO: GALEGO, INGLÉS E BENGALÍ

Portada da versión trilingüe de Cousas da vida, Castelao

Pois efectivamente! Unha escolma das Cousas da vida de Castelao acaban de ver a luz en edición trilingüe: galego, inglés e bengalí.

Unha novidade inesperada para moitas persoas, mais unha realidade feliz que nos confirma a universalidade da literatura de noso  máis unha vez.



Do galego e do inglés calquera pode falar, mais... e do bengalí? Que idioma é ese? Onde se fala? Cantos falantes ten? Será unha lingua hexemónica, coma o inglés, ou minorizada, coma o galego? 

A ver quen nos dá pistas para acrecentar o noso coñecemento sobre a diversidade lingüística no mundo...

A FERIDA DE MUXÍA

Así nos conta Verónica Viqueira a historia deste recente monumento da Costa da Morte que moito vos custou descubrir e, sobre todo, nomear. 

Será por ter a historia que ten? Pola ferida que deixou en todos nós a causa de que hoxe exista?


A Ferida é unha escultura situada no concello de Muxía fronte ao océano Atlántico, nun outeiro ao carón do santuario da Virxe da Barca. O seu autor é o artista burgalés Alberto Bañuelos-Fournier . A obra foi doada por Seguros Aegón ao concello de Muxía, como homenaxe aos voluntarios que acudiron a axudar ao pobo galego cando se produciu o desastre do Prestige o 13 de novembro do 2002.
Cos seus máis de once metros de altura e 400 toneladas de peso, estas dúas estruturas de granito do Porriño constitúen a escultura máis grande de Galicia e de España.
Inaugurouse o 12 de setembro de 2003.

12/01/13

E TI COMO DEFINIRÍAS O RAP?


"Eu creo que o rap é o reflexo máis fiel da sociedade".

Esta é a definición que nos ofrece o rapeiro vigués, El Puto Coke, nesta completa entrevista concedida ao xornal dixital Dioivo.

Imos ver que máis nos conta e en que proxectos anda...

NOVIDADES CICLISTAS

A Vuelta 2012 na Festa da Pataca de Coristanco

Para as persoas amantes da bicicleta e da competición, ide reservando axenda no mes de agosto para ver a Etapa da Fin do Mundo da Vuelta 2013, entre Lalín / A Estrada e Fisterra.

QUE SABEMOS DO RUGBY FEMININO GALEGO?

Seguramente, moi pouco, case nada ou nada, por non ser un deporte de maiorías e, polo tanto, non lle prestar mita atención os medios de comunicación.



Á vista dalgunha petición vosa, xurdida logo da avaliación que fixestes do funcionamento deste blog, sobre a maior presenza do deporte galego, velaí vos deixo unha nova fresca desta fin de semana que con certeza dará que falar nas clases do luns.

11/01/13

FOTOS DE MENORES E INTERNET


Coido que é do voso interese esta nova que hoxe reproduce algún xornal. O uso manipulador das fotos de menores a través da rede non é algo novo, mais ben é un feito delitivo que acontece con demasiada frecuencia aínda que non sempre chegue aos nosos oídos.





Como toda información é pouca, hoxe gustaríame derivarvos a este blog onde podedes localizar orientacións de interese a respecto do bo ou mal uso das vosas imaxes unha vez subidas á nube da internet:  


10/01/13

ROSALÍA DE CASTRO, PROTAGONISTA TAMÉN NO 2013

Preguntarédesvos o porqué, non si? Seguramente por moitas razóns, mais, de xeito especial, neste 2013 conmemoraremos o 150 aniversario da publicación do seu primeiro poemario monolingüe en galego, os coñecidos Cantares gallegos (1963).

Temos moito que celebrar, non si? Ide poñendo a imaxinación a funcionar, que neste CPI sempre damos moito que falar!!!

Para comezar o ano e ir tomando boa nota, velaí vos deixo este calendario agasallo que elaborou a editorial Xerais.


09/01/13

ALGUÉN SABE COREANO?

Se alguén é quen de nos dicir que título supercoñecido dun autor hiperprestixiado da literatura galega actual, e do que xa temos lido varios libros, se agocha baixo esta capa recentemente publicada en Corea, terá un premio de excepción!!!

Que será, será...? 


08/01/13

7 DE XANEIRO DE 1950

Esta é a data en que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao falece en Bos Aires, a cidade que o acolleu como exiliado desde a instauración da ditadura militar franquista en España.

Imos iniciar este segundo trimestre en 4º precisamente coa renovada narrativa creada polo Grupo Nós, entre os que xa estudamos o papel referencial que Castelao representou tanto neste grupo como nesta etapa histórica de preguerra que viñemos traballando ao longo do primeiro trimestre.

Informarémonos sobre Castelao, e tamén sobre Otero Pedrayo e Vicente Risco, mais sobre todo leremos parte da súa obra que é o que os ten convertido en clásicos.

Imos comezar co relato "O pai de Migueliño", incorporado ao volume titulado Cousas, de Castelao, presentado nesta curtametraxe incompleta que nós habemos concluír.


05/01/13

FELIZ NOITE DE REIS!

Non esquezades ningún elemento do protocolo da noite de Reis, senón mañá á mañá podedes levar algún disgusto...

Vai chegando o día de sabermos se merecemos...


... ou algún que outro ...


Xa contaredes a partir do día 8 de xaneiro en que nos reencontraremos na aula!

Mentres tanto, a todas e todos ...





DESPEDIDA