27/11/12

EMPEZA A CONTA ATRÁS...

... PARA O 12 DO 12 DO 12 ÁS 12

Que é isto? Un trabalinguas? Imos investigar...


COMO SOA A FALA (II)


COMO SOA A FALA?


GALEGO EN EXTREMADURA?

Imos comezar a descubrir como é que o galego aínda hoxe se fala en Extremadura


NOVIDADE EDITORIAL

Despois de observar esta imaxe, acceder ao contido da ligazón e o visionado, que impresión tirades?




25/11/12

É hora de mudar o guión?


ENTREVISTA A Mª XOSÉ QUEIZÁN

Mª Xosé Queizán é unha recoñecida escritora galega que leva moitos anos traballando a prol da igualdade da muller.



Nesta entrevista repasa a súa loita activa feminista desde os finais da ditadura franquista e a restauración da democracia.

QUE DIRÍA A TÚA CAMISETA?

Como expresarías o teu rexeitamento da violencia de xénero?

Olla o lema desta camiseta e di cal sería o teu.


Quen empeza?

25 DE NOVEMBRO, DATA PARA NON ESQUECER TODO O ANO


Hoxe é o Día da Non Violencia Contra as Mulleres, unha data que centra unha problemática social que nos afecta a toda a cidadanía, mulleres e homes.

Ninguén debe permanecer impasíbel diante de calquera acto de violencia. Ninguén debe silenciar comportamentos discriminatorios ou vexatorios -físicos e psicolóxicos- contra as mulleres, nin dentro nin fóra da casa.

O alumnado de 1º de bacharelato do IES Pintor Colmeiro (Silleda - Pontevedra), preocupados por esta severa problemática, prepararon dous vídeos que nos axudan a reflexionar.

20/11/12

UNHA DE POÉTICA MEDIEVAL


Estamos rematando xa co estudo do cancioneiro medieval galego-portugués, así que vos deixo por aquí unha cantiga do trobador Bernal de Bonaval, a ver se sodes quen de responder estas preguntiñas.

E como non se concibe unha cantiga se non é con acompañamento musical, non deixedes de vos acompañar pola versión do cantautor Amancio Prada.

1. A que xénero poético pertence: profano ou relixioso?
2. Que modelo de cantiga presenta?
3. Cales son as características que a identifican como tal?
4. Escribe unha paráfrase que sintetice o contido da cantiga.

A dona que eu am'e tenho por senhor
amostrade-mi-a, Deus, se vos en prazer for,
       senom dade-mi a morte.

A que tenh'eu por lume destes olhos meus
e por que choram sempr', amostrade-mi-a, Deus,
       senom dade-mi a morte.

Essa que vós fezestes melhor parecer
de quantas sei, ai, Deus!, fazede-mi-a veer,
       senom dade-mi a morte.

Ai Deus! que mi a fezestes mais ca mim amar,
mostrade-mi-a, u possa com ela falar,
       senom dade-mi a morte.                                            

19/11/12

LEMBRADES A POETA ANTÍA OTERO?


O curso pasado despedímolo coa poeta Antía Otero traballando, man a man, nun intenso obradoiro de poesía que nos deixou unha grata lembranza.



Hoxe, o programa cultural Zig Zag Diario achéganos o último proxecto no que anda a traballar Antía, que leva o seu poemario (Retro)visor moito máis aló do que pensamos que pode ser un libro de poemas.

Ollade e comprobarédelo:

CINE GALEGO DE PELÍCULA


Hoxe recibimos unha nova ben feliz. O cine galego anda a dar que falar polo mundo adidante.

E con que filme? Andaredes a preguntarvos.

Non reparastes nas carteleiras?

Velaquí a sorpresa:


16/11/12

PARABÉNS PARA VERÓNICA VIQUEIRA...

... por atinar o noso novo destino turístico-fotográfico do blog.



Graciñas, Verónica, pola clase maxistral que nos ofreces sobre este lugar antergo cargado de simboloxía:


A Pedra da Arca é un monumento megalítico do período comprendido entre o ano 3.000 e o 2.700 a.C.
Tamén se chama lmen de Cerqueda e está situado na parroquia de San Cristovo de Cerqueda, concello de Malpica.
Trátase dun dólmen de corredor. Está orientado cara o sudoesteAtópase ao lado da estrada, nun piñeiral, sen moita dificultade de acceso. Aínda que o estado de conservación non é moi bo, chama a atención a magnitude das pezas que o compoñen. Na parte exterior, se se observa atentamente, podemos apreciar petróglifos. A pedra da cuberta está partida á metade, ten unha lonxitude de catro metros de longo por un ancho de 1,80 e 70 centímetros de grosor, co que xa nos podemos imaxinar as dimensións deste dólmen.
A lenda que máis se repite en Galicia para explicar a construción dos dólmens é esta: 
“As pedras trouxoas unha moura na cabeza, que viña fiando nunha roca ao tempo que lle daba de mamar a un neno que levaba no colo”

CHAT CON ROSA ANEIROS


Parece que quedaron no ar algunhas dúbidas a respecto da lectura da novela Ás de bolboreta.

Que mellor que parolar coa propia autora para os resolver, non si?

Velaquí o chat ao vivo que o alumnado de 4º do curso pasado mantivo con ela e que publicamos no último número da revista escolar Asubíos:


15/11/12

NOVAS MÚSICAS DESDE BERDILLO


Coñecedes esta cantante de Berdillo (Carballo) coñecida como Sés?

Aínda non coñecedes o seu primeiro traballo discográfico titulado Admirando a condición?

Imos descubrila, entón, nesta intensa entrevista que nos ofrece o xornal da Costa da Morte, Compás da Costa.
 

VÉMONOS NO TEATRO?



Lembrade que o vindeiro martes 20 de novembro deslocarémonos até o Edificio de Servizos Múltiples municipal para asistir á representación da obra de teatro RRHH - O Método que a compañía O Aturuxo de Melpómene porá en escena para nós ás 11:00.

Imos adiantar un tailer-petisco desa función que imos ver:




13/11/12

UN PASADO EN IMAXES DE CHAPAPOTE

Así se lembraba a catástrofe causada polo Prestige hai catro anos. 

Estou segura de que alguén nos brindará, como tarefa de aula, a versión subtitulada en galego, non si?


PRESTIGE, DEZ ANOS DESPOIS


A memoria esváese facilmente, porque os acontecementos do día a día nos desbordan, mais hoxe non deberiamos esquecer o que aconteceu moi pertiño de nós, en plena Costa da Morte galega.

Paremos o reloxo e viaxemos nun flaskback necesario a aquel 13 de novembro de 2002:















09/11/12

UN NOVO LUGAR DESCUBERTO


E eu que pensaba que vos ía levar máis tempo achegarvos até o novo destino viaxeiro...

Nesta ocasión foi Félix Viqueira,de 4º, o que trouxo na súa mochila toda a información.

Tamén é certo que o souberon resolver Cintia e Judit uns días despois.

A ver que nos conta Félix sobre este lugar tan característico e cargadiño de historias lendarias da Costa da Morte.

"A Imaxe de Un Lugar Para Descubrir é un cruceiro chamado A Pedra da Serpe, que se encontra en Corme (Ponteceso) e responde a unha lenda que di así: 
Cóntase que foi Santo Hadrián, un patrón da parroquia de Ponteceso, quen salvou a súa terra dunha praga de serpes ao golpear co seu  pé fortemente contra o chan e facelas desaparecer, quedando enfeitizadas baixo as pedras. 
A rocha onde está esculpida esta serpe alada que se percibe na fotografía é de granito. A autoría da escultura é discutida, mais asóciase aos cultos precristiáns ás serpes, relacionado, segundo algúns historiadores, coa chegada dos celtas, que tiñan como símbolo heráldico a serpe".

TROBADORAS DO PICHEL III


Agora tócalle o turno á compañeira de 3º A Judit Martínez Pérez


Din os ruxerruxes que se cadra non é tan certo como se pensaba que as mulleres non compuxesen cantigas na Idade Media... 


Á vista do ben que o fan hoxe, como non ían ter antecedentes feminos, non si?


Eu estaba esperando,
na porta agardando,
a que el viñese.
Dicídelle que esperei!

Eu estaba andando,
no camiño camiñando,
a que el me atopase.
Dicídelle que esperei!

Na porta agardando,
a que o meu amado chegase,
e non daba aparecido.
Dicídelle que esperei!

No camiño camiñando,
e o meu amado non aparecía,
eu, cansa e enfurecida,
dicídelle que marchei!

08/11/12

TROBADORES DO PICHEL II


Reparade nestoutra renovada cantiga de amigo que nos ofrece Luciano Fernández Lorenzo e que resultou aclamadísima pol@s compañeir@s...

Observade que dominio da técnica cancioneiril: refrán, leixaprén e refrán! 

Toda unha cantiga de amigo "perfeita" que se diría polo medioevo...

Ai, webs da grande rede!
Se tedes novas do meu amigo,
que volva cara á casa!

Ai, blogs da inmesa rede!
Se tedes algún comentario do meu amado,
que volva cara á casa!

Se tedes novas do meu amigo,
dicídelle que hai outro que me trata con máis agarimo,
que volva cara á casa!

Se tedes algún comentario do meu amado,
dicídelle que de vez estea calado,
que volva cara á casa!

07/11/12

TROBADORES DO PICHEL I

 Xa chegaron os primeiros resultados literarios do alumnado de 3º A, despois de estudarmos o primeiro modelo de cantiga medieval: o cancioneiro de amigo.

Presentámosvos un novo xeito de trobar ao estilo coristanqués do século XXI.

O pergameo máis aplaudido da turma foi o de Luís Bermúdez Fernández. A razón?  Velaquí está:


Estaba na fonte, onde ía beber,
chegaría o amigo a quen ía ver?
E bailaremos os dous?

Ao meu amigo vou encontrar,
na Fonte Cachel virame buscar?
E bailaremos os dous?

Na Fonte Cachel virame buscar
aquel que o seu compromiso ben cumprirá?
E bailaremos os dous? 

Na Fonte Cachel virame buscar
como a auga da fonte busca chan para regar?
E bailaremos os dous?

Como a auga da fonte busca chan para regar
como as bágoas da moza que polo amigo está a chorar?
E bailaremos os dous?


05/11/12

VITAMINAS PARA O GALEGO

Tod@s @s falantes somos deboradores de lingua. Apreixamos as palabras, mastigámolas e empregámolas para comunicar pensamentos, emocións, medos, risadas...

Mais, @s falantes nunca somos quen de apañarmos todas as palabras existentes na extensa leira galega, sempre hai algunha que agroma nova para nós e nos obriga a procurar o seu significado e uso correcto.

Imos logo inxectarlle tamén nós vitaminas ao noso galego colectivo

Como? Que podo facer eu?


Moi simple: cada un/unha de nós recolle unha palabra no momento de descubrila por vez primeira e anótaa aquí como un comentario. Finalmente, decatarémosnos de canto léxico nos queda por descubrir e aprender. 

Reparade ben na ilustración de Luís Davila, que é ben aclaratoria, non si?

Eu voume lanzar coa primeira palabra que hai un tempo me chamou a atención: fervellasverzas (e non ando a pensar en ninguén, eh!)

CUESTIONARIO LINGUA E LITERATURA 1º TERZO S. XX


Velaquí as cuestións que debedes responder o alumnado de 4º, unha vez visionada atentamente a presentación subida hai uns días, a respecto da situación da lingua e literatura galegas no primeiro terzo do século XX. 

Esta tarefa será corrixida na aula o martes 6 de novembro.

As vosas respostas deberían servirvos de pistas para, finalmente, poder sintetizar os trazos fundamentais da lingua e literatura galegas neste período histórico.

CUESTIONARIO

1. Que é o agrarismo?
2. Que tendencias poéticas continúan Noriega Varela e Leiras Pulpeiro?
3. Que trazos caracterizan a poesía de Ramón Cabanillas?
4. Que características definen o labor das Irmandades da Fala?
5. Que características definen o labor do Seminario de Estudos Galegos?
6. Que características definen o labor do Grupo Nós?
7. Quen son os principais responsábeis da Revista Nós?
8. Que marco político explica este contexto lingüístico-literario vizoso entre 1931 e 1936?
9. Cal foi o maior éxito político do Partido Galeguista? Por que se converteu nun feito histórico?
10. Redacta un texto sintético que recolla aquilo que é fundamental desta etapa.

III DÍA DA CIENCIA E TECNOLOXÍA EN GALEGO


Hoxe 5 de novembro celébrase o III Día da Ciencia e a Tecnoloxía en Galego.


Este ano dedícaselle atención especial a Leonardo da Vinci e Ramón Verea. Por que será? Cal foi o seu papel no desenvolvemento da ciencia?

Por que se celebra este día? En que ano naceu esta necesidade?

Quen nos deixa por aquí algún apuntamento?

03/11/12

NOVA DESCUBERTA VIAXEIRA!

Judith e Lucía descubríronos o fermoso e orixinal faro de Punta Nariga que saíu pola xaneliña viaxeira estes días pasados. Graciñas ás dúas pola súa participación sempre atenta!

Judith, ademais, cóntanos información ben interesante sobre este faro galego de recente construción e partíllaa con tod@s nós. 

Ollade e descubriredes un interesante punto de destino viaxeiro...

O faro de Punta Nariga está en Malpica, e é o último faro que foi construído en España, en 1998. Está situado entre as illas Sisargas, o cabo de San Adrian e a punta do Roncudo.
 
Ten un alcance de 22 millas náuticas e é de luz branca. Está sobre unha torre cilíndrica de sillería e está a 39 metros de altura a nivel do mar. O cilindro da torre está construído con granito de porriño.
 
Foi construído en base ao deseño do arquitecto César Portela. A súa forma triangular divide os seus vértices facendo que cada un deles cobre un particular significado. O nordeste penetra na roca, coma se formase parte dela, mentres que o sueste aseméllase á muralla dunha fortaleza. O faro orientado ao oeste preséntase coma a proa dun barco que surca as augas, coroada por unha escultura de bronce. É unha estatua do artista Manolo Coia, tallada en 1994, cuxa figura debátese entre o humano e a forma dunha gaivota, como un ave a piques de voar.

DESPEDIDA