30/06/12

ABURIÑO!

Esta profe está de vacacións! 

Foi un inmenso pracer aprender convosco, mociños e mociñas de 4º! 

Vémonos a partir do 17 de setembro convosco, xentiña de 3º deste ano e próxima rolada de 4º!

Agora si, BO VERÁN!

26/06/12

BOAS VACACIÓNS!

BOAS FÉRIAS!

                               NICE HOLIDAYS!

                                                             BONNES VACANCES! 

I WILL SURVIVAL / EU FALAREI

Partillo convosco este novo lipdud realizado pola comunidade educativa do IES de Chapela-Redondela (Pontevedra) como despedida de curso e despois de moitos meses de traballo.

Boas vacacións para descansar e voltar en setembro coa batería ben cargada para encher o centro de experiencias bonitas coma esta.

BO VERÁN!

http://www.youtube.com/watch?v=AerLPRrnIaA&feature=player_embedded

24/06/12

ASUBÍOS

Xa sabedes que un dos síntomas de remate da fin do curso é a publicación do noso xornal escolar Asubíos, que este ano xa chega ao número 49.

Non deixedes de visitalo no blog do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, Na punta da lingua, que tamén estreamos na parte final deste curso. Seguro que aparecedes por algures, no lugar máis inesperado!

 http://napunta-dalingua.blogspot.com.es/2012/06/asubios-49.html

Por certo, precisamos colaboradores e colaboradoras para o vindeiro curso escolar. Tedes un veraniño para pensar en asubiarmos xuntos a partir de setembro...


20/06/12

BOOKTRAILER DA TRILOXÍA DO DRAGAL

Xa saíu, por fin, publicada a última parte da triloxía do universo Dragal, A fraternidade do dragón, unha serie literaria escrita por Elena Gallego Abad e publicada en Edicións Xerais. 

Toda a información, neste enlace: http://www.xerais.es/autores.php?tipo=autores&id=100030669

Unha boa escolla lectora para este verán. Ide facéndovos unha idea a partir deste booktrailer recén estreado e xa me diredes.




18/06/12

MAFALDA ARNAUTH

A semana pasada tiven a oportunidade de coñecer en persoa esta magnífica fadista portuguesa: Mafalda Arnauth

Xa sabemos que o galego nos abre moitas portas e nos achega a moitas linguas románicas. 

É por iso que non resistín a tentación de deixar escapar esta canción tan fermosa, "O mar fala de ti", que sei que seredes quen de apreciar desde a fermosura da súa letra e da súa sonoridade musical.


15/06/12

VILAMOR-NEW YORK

A caravana Vilamor pasou por Coristanco antes de viaxar a New York!!!

Menuda primicia!!!

Non me digades que van ver a película Vilamor os neoiorquinos antes que os coristanqueses. Xa sabedes que, debido á afluencia de público numerosa, continúa na carteleira do cine de Carballo.

Que vos parece esta noticia?

http://www.sermosgaliza.com/artigo/cultura/vilamor-concorrera-no-festival-de-cinema-de-nova-iorque/20120614211018002322.html

13/06/12

QUERES QUE CHE CONTE UN CONTO?

A tradición galega é moi rica en contos, lendas e historias que nunca saberemos se de verdade foron así ou desbordan imaxinación e fantasía.

A cultura galega é tamén moi fértil en contadores e contadoras, persoas anónimas e profesionais ás que sempre é un pracer escoitar contar contos.

E ti? Pensas que é posíbel vivir do conto? 

Ímoslle botar por aquí un conto dunha das mellores contadoras galegas: Paula Carballeira.

O título do conto: O neno que quería ser morto.

Preparados eses ouvidos atentos?


12/06/12

NOVO DICIONARIO INGLÉS-GALEGO


Pregunta de exame para os mozos e mozas de 3º despois de lerdes esta nova de hoxe no xornal Praza Pública: é esta unha actividade de normalización lingüística? Por que?

 http://praza.com/ciencia-e-tecnoloxia/1212/chega-o-primeiro-gran-dicionario-ingles-galego/

A ver quen é @ primeir@ en demostrar que a lección de sociolingüística pode darse por rematada?

11/06/12

NOVA FORMACIÓN MUSICAL GALEGA


Menuda sorpresa que nos acaban de dar estes catro musicazos galegos! Cada un ten a súa longa e prestixiosa carreira musical e agora xúntanse para adozarnos a vida con palabras musicadas cheas de fermosura.

Por certo, lembrades os de 4º a visita que nos fixera Xabier Díaz o curso pasado onde tantas cousas importantes nos descubriu do patrimonio musical bergantiñán?
 
E como din por aí que se chaman? ACadaCanto

E que podemos ir sabendo algo desta nova formación? Asexade por aquí e veredes que entrevista máis fardona: http://praza.com/cultura/1198/acadacanto-quere-ser-como-un-refuxio-nun-mundo-que-nos-impon-un-ritmo-de-vida-antinatural/

A QUEN LLE IMPORTA QUE MORRA UNHA LINGUA?

Esta é a pregunta que se fai e nos fai o escritor Francisco Castro no seu blog "A canción do náufrago" a partir dunha interesante reportaxe que hoxe publica o xornal El País

Eu déixovola tamén por aquí a ver que contades...

http://franciscocastro.blogaliza.org/2012/06/11/a-quen-lle-importa-que-morra-unha-lingua/

10/06/12

NOVO PREMIO PARA MARCOS CALVEIRO!!!

Marcos Calveiro no momento de recoller o premio

Mirade que contentiño nos anda Marcos Calveiro!!! Por que será???

Este sábado, o escritor Marcos Calveiro, que tanto nos sorprendeu o día da súa visita da man daquel pintor do sombreiro de malvas, recibiu na Illa de San Simón o Premio Merlín de literatura infantil co orixinal titulado Palabras de auga.

Ollade, ollade aquí e veredes:  http://blog.xerais.es/destacados/marcos-calveiro-e-a-parella-maria-lorenzo-miguens-e-manuel-lorenzo-baleiron-premios-xerais-2012/

PARABÉNS MARCOS! ESTAMOS DESEXANDO LER O LIBRO!

08/06/12

VILAMOR: TES QUE VELA


Despois do magnífico encontro que hoxe tivemos co director da película Vilamor, Ignacio Vilar, cos actores Rubén Riós e Xoel Yáñez e a actriz Sabela Arán , lembrade que segue aberto o prazo (deica o 30 de xuño) do concurso de vídeos promocionais da película "Tes que vela!".





Primeiro hai que ir ver a película ao cine a Carballo. E logo... vós, que me sodes tan artistiñas... seguro que aínda habedes preparar algo...


Velaquí a información do cncurso e o acceso ás bases: http://vilamor.eu/web/gl/blog/ver/ampliamos-un-mes-mais-o-prazo-do-concurso-tes-que-vela/

E non vale conformarse con vixotar o que fan @s outr@s!!! Que vos coñezo!!!

Graciñas aos catro por esta xornada felizmente emotiva ao redor da lingua do cine. Deica a próxima!!! 


07/06/12

DE MAKINARIA A CURUXA RALLYE

Sen dúbida, o poemario de Carlos Negro non deixou a ninguén de 4º sen inmutarse. Comprobámolo nas vosas ansias lectoras devoradoras e nas emocionadas lecturas.

Para non abandonar o ruxerruxe dos motores que tanto atraen a algúns, desde o sentidiño e a información, cóntovos que no mercado dispoñedes desta revista dixital galega e en galego: 



Curuxarallye 
 http://www.curuxarallye.info/

Xa contaredes!!!

OLLO COS RUXE RUXE!

Xa se sabe que temos que ser moi caut@s cos ruxerruxes, disques, seicas... e demais lerias.

Con todo, hoxe demostráronnos Carme, Alba e Jorge que hai uns Ruxe Ruxe moi musicais que non debemos deixar pasar desapercibidos. 

Ollade por aquí a ver que novidades nos contan: http://www.ruxeruxe.com/

Ou tamén asexade por esta xaneliña audiovisual se queredes saber que contan sobre o seu último traballo discográfico: "Máis Cancións sobre Toxos, Cardos e Silveiras"

Que o bailedes ben!



06/06/12

QUEN NON SABE XA TODO O CURRÍCULO MUSICAL...

... DOS HEREDEIROS DA CRUS?

Menuda lección biográfica e musical nos ofreceu hoxe en 4º o trío presentador formado por Sara, Adriana e Felipe!!!

Por se quedastes con ganas de saber máis, non tedes máis que petar a esta portiña: http://www.heredeirosdacrus.com/

Ou tamén escoitalos ao vivo nesta entrevista recente do programa TOURILANDIA:


05/06/12

VILAMOR XA CHEGA A CARBALLO

Será este próximo venres 8 de xuño cando a película galega, Vilamor, aterre en Carballo. Para máis información, mergúllense por aquí: http://www.amesanl.org/gl/novas/amosar/id/284

Xa sabedes que nós somos grandes espectadores privilexiados, xa que ese mesmo día pola mañá, a primeiriña hora, visitarannos no centro o director e varios actores e actrices.

Un pequeno trailer de adianto...


04/06/12

FESTA A FESTA...

... E SIGO PORQUE ME PRESTA!

Como xa sabemos que non hai espazo que o galego non poida representar e contar ao mundo, hoxe tráiovos esta sorpresiña: un experimentado blog centrado no seguimento das reportaxes máis festeiras que se van espallando polo verán ao longo de canta parroquia hai polo país. 

Seguro que habedes atopar guía festeira organizada para as vacacións estivais, mais, iso si, antes debe chegar o contrato asumido: aprobar tooooooodo en xuño!

A partir do 22 de xuño, preparade a axenda verbeneira desde aquí: http://blogs.laopinioncoruna.es/festaafesta/

ROSALÍA EN CLAVE DE JAZZ?

É posíbel actualizar un poema de Rosalía de Castro, escrito na segunda metade do século XIX, con acordes jazzísticos galegos actuais? 

Pode ser moderna Rosalía de Castro? 

Imos escoitar o poema rosaliano Alborada na voz da cantante Guadi Galego e do poeta Anxo Angueira baixo a musicalidade do compositor Abe Rábade.

Alborada Jazz é o nome desta experiencia chamada Rosalía 21. Xa contaredes...




A XUSTIZA POLA MAN

Lembrades a lectura deste poema de Rosalía de Castro na aula de 3º? 

Escoitemos agora a lectura novamente na voz da poeta Marta Dacosta.


03/06/12

REFRANEIRO DO SAN XOAN

Que novidades refraneiras nos trae o mes de xuño, máis coñecido popularmente como San Xoan?

Un breve adianto á espera de que completedes vós!

A auga por San Xoán tolle o viño e non dá pan
De San Xoán prás Navidás, os días van pra atrás

NOTRE-DAME, PARIS

Dedicado ao alumnado de 4º que está a piques de arranxar as maletas para a súa merecida viaxe de fin de curso e graduación.
Cheguei a este vídeo "Le sans-papiers" grazas a unha mociña que está a estudar o mesmo curso ca vós e que xa viviu a oportunidade de coñecer a vida parisina.


Ogallá gustedes inmenso do vídeo e da viaxe!

Deséxovos unha felicísima e inesquecíbel experiencia!!!!

 http://www.youtube.com/watch?v=Ak2tTIRj5X4&feature=fvwrel

01/06/12

DE JENNY A BERROGÜETO PASANDO POR CORISTANCO

Impresionante presentación a que nos ofreceu Jenny sobre o grupo de música galego Berrogüeto! Reiterámoslle os nosos parabéns!

Para os que quedastes con ganas de saber máis desta formación folk galega e, ao tempo, internacional, velaquí unha entrevista que non hai moito lles fixeron na canle CNN a dous dos seus integrantes: Xabier Díaz (colecido de todos vós) e Anxo Pintos.



ATENCIÓN: PREGUNTA!





Que lugar ocupa o galego entre as linguas máis usadas na internet?


Aventurade a vosa resposta ao longo da fin de semana e o luns lanzarei a resposta correcta e mais a fonte informativa fiábel.

Quen empeza?

SEGUIMOS DE VIAXE?

Ultimamente tivemos un tempiño de descanso, mais é hora de poñérmonos novamente en ruta.

Que acabamos de localizar? Hai moitos coma estes por aquí? 

Onde estamos? 

Isto parece unha viaxe ao pasado!!! Por que época andaremos?


DESPEDIDA