29/02/12

NOVO XORNAL DIXITAL EN GALEGO

Despois da estrea de Praza Pública, hai un mes, hoxe asistimos á presentación dun novo xornal dixital en galego:


Cantas persoas das que andades por aí coñecedes o significado desta palabra? Xa estou a agardar polas vosas respostas! Quen é o primeiro ou primeira?

http://www.dioivo.eu/portada/

27/02/12

A TRADICIÓN ORAL DE CORISTANCO ESTÁ DE MODA

Quen coñece a este mestre do CEIP Bormoio que tanto leva traballado pola recuperación da riquísima tradición oral de Coristanco?

Visitade o enlace e resolveredes o enigma! Máis de un/unha ha levar unha grata sorpresa!

 http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/capitulo-452-de-ben-falado-tradicion-oral-de-coristanco

CRÓNICA DEPORTIVA DA VITORIA DA SELECCIÓN ESPAÑOLA DE FÚTBOL FEMININO


O compañeiro de 4º, Jesús Regueira Serantes, alias "Suso", ofrécenos unha crónica persoal do último partido da Selección Española de Fútbol Feminino.

"España se pasea ante Austria", así nomeou o xornal La Voz de Galicia,  éxito sa Selección Española de Fútbol Feminino.
O partido foi un verdadeiro monólogo das xogadoras españolas e atrévome a dicir que foi un fútbol moito máis vistoso que o de calquera equipo masculino.
Tamén cabe desacar a actuación da futbolista galega Verónica Boquete que foi quen de callar un partido moi bo, xogando na casa, no campo do Compostela, o San Lázaro.
Foi un gran partido de preparación para a Eurocopa Feminina de 2013.

 Concordades coa súa valoración ou non?

REPORTAXE ROSALIANA

Chegou a hora de lembrar as experiencias vividas o Día de Rosalía. Moitas quedarán só fixadas na memoria de cada unha e cada un do grupo. Algunhas fican gravadas nos obxectivos das nosas cámaras fotográficas. 

Velaquí tan só algunhas que agardo sirvan para introduciren os vosos comentarios previos a ese Caderno de Viaxe persoal que xa agardo impaciente!
Recepción no Salón de Plenos da Real Academia Galega

Escoitando o profesor Xosé Luís Axeitos, secretario da RAG

Conversa coa poeta e académica Luz Pozo Garza

Inicio do roteiro rosaliano co profesor Diego Pardo

25/02/12

DE ROSALÍA A LEILÍA

Onte celebramos por todo o alto a festa de aniversario de Rosalía de Castro e hoxe acollemos con grande alegría a estrea do novo disco, tan agardado, das Leilía que leva por nome ConSentimento.

Adiántovos a súa palabra nesta entrevista que hoxe publica o xornal dixital Praza Pública, presentada cun titular ben potente:

“Quen tirou deste país foi a muller”

Non vola perdades!

http://praza.com/cultura/242/lquen-tirou-deste-pais-foi-a-mullerr/

23/02/12

ROSALÍA DE CASTRO EN CLAVE DE JAZZ

Porque Rosalía de Castro, malia ser a nosa escritora fundacional en pleno século XIX, non perde ápice de actualidade e modernidade, velaquí vola deixo nas voces de Anxo Angueira e Guadi Galego, acompañadas ao ritmo jazzístico de Abe Rábade no álbum Rosalía XXI.

Gozádeo!

22/02/12

E DE QUE VOS DISFRAZASTES ESTE ENTROIDO?

Xa contaredes, xa, mais como cómpre ir rematando con este tempo de festa, balbordo e humor, velaquí vos deixo algunhas pequenas anécdotas gráficas dos grandes xenios do humor galego.

Agardando xa polas vosas brincadeiras!!!

24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Este venres toca mudar de aires e trasladar as aulas ás rúas coruñesas para lembrar os pasos de Rosalía de Castro nos anos en que viviu nesta cidade coa súa familia, da man do profesor da Universidade da Coruña, Diego Pardo.

Tamén seremos recibidos na Real Academia Galega polo actual secretario, o profesor Xosé Luís Axeitos, que nos explicará o traballo que alí realizan, centrado sempre no estudo e divulgación da lingua galega. 

E haberá unha outra sorpresiña que xa verei se vos vou desvelando...

Lembrade ben o programa da xornada!

09:35: Saída do centro
10:30: Recepción na Real Academia Galega
12:00: Roteiro rosaliano
13:30: Retorno ao centro

E non esquezades os deberes! Agardo uns cadernos de viaxe ben chulos!

A VOSA CITA FAVORITA SOBRE O AMOR FOI...

O amor vive máis do que dá que do que recibe

20/02/12

OS GOYA PREMIAN O CINE GALEGO OUTRA VEZ!

A película Arrugas, recibiu dous premios moi importantes na gala dos Premios Goya que entrega a Academia do Cine española: a mellor longametraxe de animación e o mellor guión adaptado, porque neste caso, como en tantos outros, primeiro foi a escrita e o libro e logo chegou o mundo da adaptación audiovisual. Xa podedes ler o cómic, escrito e debuxado orixinariamente por Paco Roca, na súa espléndida versión galega que publicou hai uns meses El Patito Editorial, baixo o título Engurras.

E quen está detrás dos dous premios? Pois nin máis nin menos que o escritor e director de cine galego, Ángel de la Cruz, que empezou o seu agradecemento inicial cun fermoso "Boa noite".

A min o cómic encantárame, así que a ver se por fin chego ao cine!!!

Mentres, déixovos a primicia da entrevista con Ángel de la Cruz e un trailer da versión do filme en galego: 
http://praza.com/cultura/198/angel-de-la-cruz-non-seria-raro-que-un-filme-de-animacion-fose-nominado-na-categoria-de-mellor-pelicula/

17/02/12

UN BO TEXTO ARGUMENTATIVO DA PLUMA DE JOSÉ MANUEL SOUTO

Ben sabemos que non é sempre doado organizar os pensamentos. Aínda resulta de maior complexidade convertelos en argumentos e expresalos por escrito, verdade?

Pois ben, José Manuel Souto Lema, compañeiro de 3ºA conseguiuno. Velaquí o mellor texto argumentativo que escolleu o conxunto da súa aula. Parabéns, José Manuel!!!


VANTAXES E DESVANTAXES DA RADIO COMO MEDIO DE COMUNICACIÓN
O tema que escollín para reflexionar son as vantaxes e as desvantaxes que presenta a radio fronte aos outros medios de comunicación que temos na actualidade.
A radio é un medio de comunicación que conta con numerosas e interesantes vantaxes que pasamos a enumerar:
  1. A radio é un medio de comunicación asequible se o compararmos coa televisión e a internet.
  2. A radio tamén é transportable, porque se pode levar a calquera lugar onde un vaia.
  3. Na radio, normalmente, emprégase un rexistro formal e culto, ao contrario que noutros medios de comunicación audiovisual.
  4. Ademais, non precisa dunha total atención para darse conta do que se está a falar. Este feito explica que, en determinadas empresas, se lles permita aos seus traballadores escoitaren a radio mentres realizan o seu labor.
  5. A radio é válida para as persoas invidentes ou para persoas maiores que non sabes ler ou xa non teñen capacidade de atención para o facer.
  6. Pola noite, a radio é unha gran compaña para aquelas persoas que non son capaces de conciliar o sono.
Pola contra, a radio presenta varias desvantaxes a respecto doutros medios de comunicación que pasamos a enumerar:
  1. A radio é un medio de comunicación vetado ás persoas con problemas auditivos.
  2. Asemade, non conta con imaxes que complementen a información como noutros medios, por exemplo a televisión.
  3. Na prensa impresa e en internet pódese atopar información cando un queira ou reler contidos que fosen de interese para un. Na radio, todo acontece de maneira inmediata  e irrepetible cando a escoitas.
  4. Cando viaxas e atravesas lugares sen cobertura, múdase a emisora e perdes o fío do que estabas a escoitar.
  5. Como montar unha emisora é menos custoso ca unha canle de televisión ou un xornal, moitos grupos políticos e relixiosos se aproveitan deste feito para difundir as súas crenzas. 
A miña conclusión é que, hoxe en día, contamos cunha ampla oferta de medios de comunicación, a diferenza do pasado, polo que podemos escoller libremente aquel medio que mellor se adapte aos nosos gustos ou necesidades.

16/02/12

UN NOVO CAPÍTULO PARA O FÚTBOL FEMININO

O alumnado de 4º recibiume hoxe na aula ben orgulloso depois da vitoria de onte da selección española de fútbol feminino. Coido que está dando moito produto positivo aquel encontro que mantivemos con Pilar Neira, despois das vosas dúbidas e reflexións a respecto do machismo que acompaña tamén a vida deportiva.
Verónica Boquete


O novo xornal dixital Praza ofrécenos unha entrevista ben interesante coa xogadora Verónica Boquete, quen segundo vós onte foi a mellor. Velaquí o enlace e o meu convite a lela e, por suposto, opinar...

http://praza.com/deportes/160/llevo-aturando-comentarios-machistas-desde-que-era-pequena-xa-estou-curtidar/

14/02/12

PENÉLOPE

Así se titula este fermoso poema de Xosé Mª Díaz Castro, que hai moito tempo que me acompaña mentalmente. Publicouse, por primeira vez, en 1961, no poemario titulado Nimbos. É unha mostra ben significativa da poesía de posguerra que acabamos de estudar nas aulas de 4º. En que corrente literaria o integrariades?

UN PASO adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados como sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!

SUXESTIÓNS PARA O ENTROIDO?

Descubrín convosco camiño de Pontevedra, aló polo lonxaaaaano mes de novembro, este tema en versión orixinal. 

Hai unhas semanas souben del en versión galega e, como non podía ser doutro xeito, en clave de humor. 

Por se andades faltos de ideas parodísticas para o concurso entroideiro deste venres... velaí vos queda este vídeo para ir ensaiando uns bos risos!!!

13/02/12

12/02/12

E A CITA GAÑADORA SOBRE A AMIZADE É...

Un amigo é unha persoa coa que se pode pensar en voz alta

Graciñas a todo o alumnado que participou neste encontro ao redor da amizade

Cal será o próximo? Tendo en conta a semaniña na que andamos!!!!!

Non perdade de vista a marxe superior dereita do noso blog amigo!!!

11/02/12

DISQUE QUE? O QUE é COOL?

DISQUECOOL!!!


O último en música, en moda, en letras, en arte, en cine, en televisión, en tecnoloxía... 

De que é que queres saber? Non tes máis que clicar. Todo a un golpe de clik: http://www.disquecool.com

Xa contaredes se sodes cool ou aínda non?

08/02/12

E COMO NOS VEN DESDE FÓRA?

Inauguramos unha nova etiqueta nesta Lingua de Alcaián, sempre bulideira, para tentar facer un exercicio de autocoñecemento de nós mesm@s, desde a miraxe exterior.

Como nos ven as persoas doutros países, doutras latitudes, doutras linguas e culturas?

Sorpresas habemus!!! E a primeira, na fronte, coa moza inglesa Ness.


07/02/12

FACER MODA CON POESÍA?

Pois si, lestes moi ben! A poesía galega farda un feixe! Elegancia a eito e estiliza os corpos que nin imaxinades!

O grupo Tinta de Lura está a crear unhas camisolas chulísimas con deseños exclusivos inspirados en versos de poetas galegos, clásicos e, sobre todo, actuais.

Botádelle un ollo, e xa me contaredes. Se cadra é unha boa pista para irdes procurando ideas de cara a un próximo concurso que celebraremos no centro...

Fisgade, fisgade por estes lares virtuais:  http://www.tintadelura.com

06/02/12

ENTREVISTA A EZEQUIEL MOSQUERA


Nesta entrevista que ofrece hoxe o novo xornal dixital galego Praza Pública, podemos coñecer a opinión directa do ciclista Ezequiel Mosquera en relación coa dopaxe neste deporte.

http://praza.com/deportes/59/ezequiel-mosquera-la-uci-non-persegue-a-dopaxe-persegue-os-cartosr/

CONCURSO SMS DE AMOR


Xa está en marcha o concurso de SMS de amor que convoca o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do noso centro. Van chegando os primeiros sobres participantes coas misteriosas mensaxes agochadas, mais para os que aínda dubidades, velaquí un imprescindíbel manual de consulta orientativa:  O DICIONARIO DE SMS!

http://www.diccionariosms.com/contenidos/sms_index.php3?body=consultarsms&idioma_termino=Galego&car=tod

vmns x aki tamn, xnt! sau2 e 1bko!

CONCURSO DE EPITAFIOS

Imos deixar que corra esta semana antes de fallar o noso concurso de epitafios. Hai que recoñecer que tedes unha tremenda imaxinación e, sobre todo, unha inigualábel retranca, como non podía ser menos vindo dos bos bergantiñáns!

Mentres rematades de argallar futuríbeis epitafios, vouvos deixar por aquí un enlace a unha gravación dunha entrevista na Radio Galega a un experto en epitafios: Estanislao Fernández de la Cigoña. 

Veredes se dan para falar...

http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=45&id=1581&n=gerg_[audio_67.mp3]_sobre_epitafios._conversa_con_estanislao_fern%E1ndez_de_la_cigo%F1a

05/02/12

XA TEMOS NOVA CITA GAÑADORA


Por maioría absolutísima, a cita sobre a lectura gañadora da enquisa da semana pasada é:

LER PARA SOÑAR, SOÑAR PARA VIVIR

Xa vos tardaba saber a quen pertencía? Quen pensaría unha cita así?

Pois foi a escritora de Cee María Canosa. Imos ver que nos conta a  rede sobre ela: 
http://www.aelg.org/Centrodoc/GetAuthorById.do?id=autor315&alias=maria-canosa

04/02/12

A ARTE DOS OLEIROS EN PERIGO DE EXTINCIÓN?


Temos moi perto de nós un dos berces galegos da oleiría máis importantes: Buño.

Moitos oficios tradicionais foron esmorecendo e desaparecendo co paso do tempo a medida que a sociedade ía avanzando: cesteiros, zoqueiros, afiadores, cordeleiros, quincalleiros, ferreiros, etc. A industrialización foi gañando terreo ao traballo artesán.

Estará tamén a oleiría de Buño en perigo de extinción? Sería unha gran mágoa e enorme perda cultural, á vista da maxia creativa das mans do oleiro Fernando Mourón Bouzas, que podemos ver neste vídeo.

http://www.galiciaconfidencial.com/nova/9557.html

03/02/12

I CAMIONATO DE TRIVIAL SOBRE CASTELAO

Despois de tanto falar e ler a Castelao ao longo do primeiro trimestre, que mellor oportunidade ara lucirdes os vosos coñecementos que participando neste concurso aberto a toda a sociedade. 

Que non se diga que non sabemos!!! 

Toda a información para participar aquí:
http://bitaculas.as-pg.com/xeral/entry/i_campionato_de_trivial_sobre

Non vos despistedes que o prazo para se inscribir xa está aberto e remata o 11 de febreiro. ÁNIMO!

02/02/12

NOVO XORNAL DIXITAL EN GALEGO


Desde este blog de lingua e literatura dámoslle a benvida a un novo medio de comunicación en galego. Despois do recente peche de varios xornais impresos e dixitais en galego (A Nosa Terra, Vieiros, Galicia Hoxe ...) botabamos en falta dispor de recursos didácticos para o noso traballo na aula.

Benvida esta Praza Pública que agora inicia andaina! Encontrarémonos nela diariamente!

Velaquí o seu enderezo: http://praza.com/

PENSAMENTO CREATIVO II

O HOME, O LOBO, A CABRA E O REPOLO

Un home, que viaxaba cun lobo, cunha cabra e cun repolo, debía cruzar dun lado a outro dun río. Para facelo só tiña á súa disposición un pequeno bote de remos que unicamente podía contelo a el e a un dos seus "acompañantes".
O problema para este home era que, mentres fixese as súas viaxes no bote, non podía deixar sós o lobo e a cabra, xa que esta sería comida por aquel. Pola mesma razón, tampouco podía deixar a cabra co repolo.
Mais, a pesar disto, o home conseguiu transportar todo con éxito á outra beira do río.

Como?
Esfinxe. Relatos de pensamento creativo, Carlos Medrano

01/02/12

QUE É O GALEGO PARA A XENTE BERGANTIÑÁ?

"Para os bergantiñáns o galego é unha marca de identificación", di o Catedrático de Filoloxía Galega da Universidade da Coruña, Xosé Ramón Freixeiro Mato, natural de Cances.

Este próximo venres, 3 de febreiro, temos unha magnífica oportunidade de escoitalo no Casino de Carballo ás 20 horas. 

Eu apúntome!

Nesta entrevista publicada hoxe podemos ir adiantando algúns dos contidos da súa charla:
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2012/02/01/os-bergantinans-galego-e-unha-marca-identificacion/0003_201202C1C29921.htm

ENCONTRO CON PILAR NEIRA

Coido que hoxe vivimos o desenvolvemento dunha aula novidosa e sorprendente en 4º. Cando menos para min si o foi. E para vós? 


Que conclusións tirades da brillante experiencia biográfica e carreira profesional que Pilar Neira partillou connosco?


Quen hai uns días defendían que o fútbol actual é un deporte machista, continuarán a pensalo?
E quen pensaba que non o era, continuará a acreditar na mesma idea?

DESPEDIDA